Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 30/5/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG-Servizos denuncia que o Náutico de Vigo aproveita a escusa da crise para aplicar a reforma laboral e despedir empregados

A central nacionalista celebrou dúas protestas diante da entidade e seguirá a convocar mobilizacións para esixir a readmisión de catro persoas
A federación de Servizos da CIG de Vigo denuncia que a dirección do Real Club Náutico da cidade está a aproveitar a escusa da crise para aplicar a nova reforma laboral e despedir traballadores/as alegando perdas económicas. Dende a central nacionalista lembran que a entidade xa lle rescindiu o contrato a catro empregados/as, un deles con preto de 40 anos de antigüidade. Nos vindeiros días convocarán novos actos de protesta diante do edificio.

Dende a CIG explican que o Náutico leva moito tempo alegando problemas económicos, o que motivou que nos últimos dous convenios colectivos non se introduciran melloras salariais. De feito, a entidade propúxolles os representantes dos traballadores/as unha rebaixa do soldo do 4%. “Dende a central recomendámoslles que non aceptaran, porque a empresa non se comprometía a manter todos os postos de traballo”, indican.

Pero a sorpresa chega tempo despois de que os empregados/as aceptasen o acordo, cando o Náutico comeza a despedir obxectivamente por causas económicas “sen sentarse sequera cos representantes sindicais para buscar unha saída alternativa”. Polo de agora son catro as persoas afectadas, unha delas un traballador con 39 anos de antigüidade na empresa. “O que están a facer é aproveitar a escusa de crise para a aplicar a reforma laboral, porque non teñen problemas económicos”.

Diante disto, a central nacionalista celebrou dúas concentracións de protesta diante da entidade para reclamar a readmisión dos despedidos/as e nos vindeiros días convocará novas mobilizacións.

cig.prensa@galizacig.com