Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 30/5/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

O naval de Ferrol carga contra os multimillonarios rescates públicos ás entidades financeiras mentres o sector da ría agoniza

A CIG reclama ao PP que tome unha decisión inmediata a respecto da construción do dique flotante e anima a participar na manifestación comarcal do día 10 de xuño
Miles de traballadores e traballadoras do naval volvían a saír este mércores en manifestación polas rúas de Ferrol en demanda de carga de traballo e a construción do dique flotante. Cun ton marcadamente máis contundente – reflexo da situación desesperada que vive o sector-, os traballadores/as dos estaleiros centraron as súas protestas nos edificios administrativos da Xunta e o Concello e denunciaron o desvío de cartos públicos para tapar os buracos da banca, nomeadamente do millonario rescate a Bankia, mentres os gobernos deixan agonizar un sector do que dependen 17.000 empregos na comarca.

Preto das once da mañá, máis de 4.000 traballadores e traballadoras de Navantia Fene e Ferrol e das industrias auxiliares saían ás rúas para demandar carga de traballo e reivindicar dos gobernos do PP que cumpran os seus compromisos co sector. “A xente está desbordada, sabe que vai para o paro e como non haxa unha decisión inmediata do Partido Popular, esta situación non terá remedio”, alertaba Manel Grandal, da Sección Sindical da CIG en Navantia, ao remate da protesta.

Neste senso, o representante sindical subliñaba que no marco dunha gravísima crise, o sector naval da ría non pode agardar até finais de ano para saber se terá novos encargos. “Ademais, non vale falar dun buque militar, porque iso suporía esperar un par de anos para comezar os traballos. Ou os gobernos do PP deciden politicamente construír o dique ou senón aquí os traballadores e traballadoras das auxiliares se van á rúa no verán”.

Críticas aos rescates bancarios

E para esixir responsabilidades, a mobilización deste mércores –que como vén sendo habitual partiu do Esteiro- dirixiuse en primeiro lugar até os edificios administrativos da Xunta en Ferrol. Alí, logo dun pequeno tirapuxa coa policía autonómica, un grupo de traballadores/as conseguiu acceder ao interior das dependencias públicas, onde permaneceu por espazo dunha media hora, facendo tamén unha visita premonitoria ás oficinas do Servizo Público de Emprego –situadas no mesmo edificio-.

Dende alí, a manifestación marchou até unha oficina de Bankia, co obxectivo de visibilizar o malestar existente entre o colectivo de traballadores/as polas multitudinarias inxeccións de cartos públicos que están recibindo as entidades financeiras –verdadeiras culpábeis do contexto actual de crise económica- para “recapitalizarse”, mentres dende o Goberno de Madrid poñen trabas e se dubida da viabilidade dun dique que permitiría non só dotar de carga de traballo inmediata aos estaleiros, senón garantir que no futuro poderán competir ao máximo nivel no mercado internacional de reparación de buques.

Curiosamente, a oficina elixida para a protesta pertence a rede de Bancaja, de onde procede un exdirectivo de Bankia titular estes días en todos os medios tras coñecerse que vai cobrar 14 millóns de euros de indemnización. A sucursal, que xa estaba pechada cando chegaron os primeiros manifestantes, quedou empapelada con cartaces nos que se podía ler “O PP ten cartos para Bankia e non para Navantia”.

Finalmente, a mobilización deste mércores rematou na Praza de Armas, diante da Casa do Concello, que os traballadores/as atoparon coas portas reciamente fechadas e que non foron quen de franquear. E foi precisamente diante das dependencias municipais onde a protesta tomou o seu cariz máis duro.

Unha decisión necesaria e urxente

De volta nos estaleiros, Manel Grandal apuntaba novamente ás responsabilidades políticas dos diferentes gobernos coa actual crise do sector, e  criticaba con dureza as actuacións do Partido Popular, que agora ocupa os gobernos español e galego. “A pelota está no tellado do PP e aí están os responsábeis de verdade. Enganan por todo, pero neste tema do naval nos enganaron vilmente, porque en campaña electoral aseguraron que habería dique, mesmo o conselleiro de Industria nos presentou un proxecto que era válido tecnica e economicamente, e agora resulta que teñen que estudalo todo de novo”.

Esta falta de decisión deixa nunha situación de total indefensión aos traballadores/as do naval, que cada día ven como compañeiros e compañeiras das auxiliares pasan a engrosar as listas do desemprego. A este respecto, o representante da CIG matizou que o persoal podería asumir ter que ir ao paro se existise a certeza de que nun par de meses haberá nova carga de traballo e polo tanto se reactivarán as contratacións. “Pero así non sabemos nada, estamos na incerteza total, e non é de estrañar que nestas condicións as cousas se vaian das mans. É o PP o que ten que tomar unha decisión inmediata, porque a xente está desesperada e non pode soportar esta inseguridade”, aseverou.

Galería de imaxes

cig.prensa@galizacig.com