O responsábel da CIG-Construción e Madeira na comarca de Vigo, Alberto Fernández, explicou que a segunda convocatoria de folga no sector de mármores e pedras volveu contar cunha participación masiva de traballadores/as da zona de O Porriño, onde se concentran as empresas máis importantes do sector na provincia, tendo tamén grande incidencia na comarca de O Salnés e Pontevedra.
Contra das dez da mañá desenvolveuse unha concentración de traballadores e traballadoras no polígono de A Granxa, que ocasionou múltiples cortes de tráfico nos accesos ao centro industrial.
A través da folga, quérese denunciar o reiterado incumprimento por parte das empresas do sector do convenio colectivo, así como as conxelacións salariais que, mediante a absorción das melloras existentes, se están a practicar por parte da patronal. Fernández informou que a folga continuará o próximo xoves 2 de xullo, xa que, a pesares da xuntanza mantida o luns na Inspección de Traballo entre patronal e sindicatos, non se produciu ningún achegamento de posturas.
Así mesmo, o mércores 1 de xullo terá lugar unha asemblea na Casa Sindical de O Porriño ás 20:00 horas, para avaliar a situación no sector e decidir a continuidade da convocatoria, xa que, “dada a prepotencia da patronal e a súa insistencia en adiar temas de concreción urxente, como é o recoñecemento da toxicidade en determinados postos de traballo, non se prevé unha solución a curto prazo”, advertiu o responsábel da CIG-Construción en Vigo.