Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 30/6/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

As caixas continúan sen concretar cal vai ser o custe laboral da fusión nin facilitan documentación sobre o proceso

CIG-Banca alerta que a negociación laboral estará condicionada polas reformas decretadas polo goberno
A CIG-Banca rexeitou a actitude que están a manter Caixa Galicia e Caixanova nas xuntanzas coa representación sindical, pois ambas entidades teiman en manter a súa actitude opaca, negándose a achegar documentación concreta sobre o impacto laboral que terá a fusión. A Federación, que sospeita que as caixas pretenden adiar a negociación laboral até ter pechada a venda das oficinas, ampliou a denuncia presentada o pasado 21 de xuño na Inspección de Traballo. Así mesmo, a CIG-Banca advertiu que todo o proceso de negociación estará marcado polos reaxustes decretados dende o goberno estatal, que afectarán especialmente ás xubilacións anticipadas e prexubilacións.
Concentración en Caixanova.

Na reunión do día 28 entre a representación dos traballadores/as e a de Caixanova e Caixa Galicia, ambas entidades “repetiron o guión anterior”, informando, mais sen facilitar a documentación,  sobre os datos xerais que xa se coñecían e sen dar maiores explicacións das que se achegan a través dos medios de comunicación.

Así mesmo, explican dende a CIG-Banca, pretendían reunir ás organizacións sindicais o día 6 de xullo para “comezar a falar de como iamos a constituír a futura mesa de negociación”. Finalmente, despois dunha posición de forza sindical, as Caixas fixeron unha contraproposta de mesa e dun calendario de reunións. Ao longo do mes de xullo haberá unha reunión semanal, dúas na última semana e na primeira de agosto valorarase manter unha ou dúas xuntanzas ou deixar a negociación para setembro.

Caixa Galicia e Caixanova pretenden adiar o proceso, ao parecer á espera da posíbel venda de oficinas. Dende a CIG-Banca sospeitan que as direccións da caixas “deben valorar que o custe da fusión, das prexubilacións e da homologación será distinto se venden oficinas ou non”. As caixas alegan que non existe comprador para as oficinas, “pero semella que mentres non teñan claro este punto tocará esperar por moito que se senten na mesa”.

Pola parte sindical, explican dende a CIG-Banca, houbo queixas ante a falta de información e porque non se facilite ningún tipo de documentación. Neste senso dende a CIG xa se ampliou a denuncia presentada na Inspección de Traballo o día 21 de xuño, ante a actitude opaca e atentatoria contra o dereito á liberdade sindical das entidades, pois perante esta actuación “non hai que laiarse, hai que actuar para defender os nosos dereitos”.

Os reaxustes do Goberno condicionan o marco da negociación laboral

A respecto do recorte de persoal que ocasionará a fusión das dúas entidades, a CIG-Banca aclara que o plan de axuste do goberno estatal inclúe a fin do período transitorio nas xubilacións anticipadas a tempo parcial, unha figura que até o de agora foi utilizada polas Caixas. Ademais a anunciada reforma da Seguridade Social semella que incluirá tamén alongar a vida laboral (pode que até os 67 anos).

Estas dúas cuestións e outros contidos da reforma laboral (como o amplo abano de posibilidades para as empresas por causas “organizativas”) condicionan o marco da fusión, nomeadamente das xubilacións anticipadas e prexubilacións. “Debemos ser cautelosos nas nosas formulacións, por exemplo para evitar que a futura reforma afecte negativamente ao persoal xa prexubilado”, advirten.

cig.prensa@galizacig.com