A CIG xa ten manifestado o seu total rexeitamento á reforma laboral, coa que o único que se pretende é abaratar e facilitar o despedimento sen que se resolven problemas tan graves como a grande temporalidade que existe no mercado laboral español ou a fraude que se rexistra na contratación.
Para a central sindical tamén é especialmente grave a ampliación da cláusula de descolgue, que apunta ás reformas que se queren introducir na negociación colectiva, ao trasladar unha problemática protexida polos convenios de sector ao ámbito da empresa, promovendo que sexa neste ámbito en exclusiva onde se decida se se aplican ou non as subas salariais pactadas no convenio colectivo. Esta ampliación é especialmente grave en Galiza, cunha estrutura empresarial onde o 90% das empresas teñen menos de cinco traballadores/as, o que provocará que practicamente no 90% dos casos non se apliquen os incrementos acordados.
Outro dos aspectos negativos que contén a reforma é o novo intento de privatizar a intermediación no mercado laboral a través de axencias de colocación, ao que hai que engadir a utilización do FOGASA para facilitar o despedimento no canto de servir para garantir o emprego.
Para a CIG tamén son preocupantes o conxunto de políticas que se están a propor dende o poder, que día si día tamén vai anunciando toda unha serie de reformas que ten en carteira como a do sistema de pensións, as prestacións sociais ou a negociación colectiva.
Diante desta situación, a CIG vén facendo, nos dous últimos anos, constantes chamamentos á necesaria mobilización social, como único mecanismo que ten a clase traballadora para defender os seus dereitos e impedir que se continúe afondando nestas políticas neoliberais. A central sindical xa manifestou que fará todos os esforzos necesarios para que a folga xeral do vindeiro 29 de setembro sexa un éxito.