Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 30/6/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

O CIS Galicia, con sede en Ferrol, prescinde do persoal destinado aos servizos de seguridade, conserxería e mantemento

A CIG-Servizos denuncia as pretensión da Xunta de reducir gastos “suprimindo empregos xa precarizados”
A Xunta de Galiza vén de destruír seis postos de traballo ao prescindir do servizo de seguridade, conserxería e mantemento do Centro de Innovación e Servizos do Deseño e a Tecnoloxía de Galiza, situado en Ferrol e dependente dunha Fundación da administración galega. Dende a CIG-Servizos denuncian que a Xunta pretende reducir gastos suprimindo empregos e “comezando polo anel máis feble da cadea, as traballadores e traballadoras das subcontratas”.

A CIG-Servizos de Ferrol trasladou o seu rexeitamento á decisión da Xunta de prescindir dos seis traballadores/as do CIS que se encargan do mantemento, conserxería e seguridade privada destas instalacións, e que mañá rematarán o servizo no centro, a pesar de teren traballado, nalgúns casos, máis de 15 anos. Deste xeito, denuncian dende a CIG-Servizos de Ferrol, o CIS queda sen persoal para o seu coidado e sen seguridade de ningún tipo. De feito, apuntan, hoxe mesmo remata a contrata da seguridade.

“Dende a CIG queremos denunciar esta situación pois, despois da Xunta facer ver que van ser dinamizadores de emprego na comarca dedícanse a destruír os traballos máis precarios a través da privatizacións dos servizos públicos por medio das privatizacións feitas polo goberno de Fraga”, critica Cristina Martínez Ces, Secretaria Comarcal da CIG-Servizos de Ferrol.

Un centro para o desenvolvemento tecnolóxico

O CIS Galicia (Centro de Innovación e Servizos do Deseño e a Tecnoloxía de Galicia) xurdiu como unha aposta do goberno galego por construír un centro de referencia que contribuíse o desenvolvemento da I+D+i no mundo empresarial. Con esta misión inaugurouse a súa actividade o 29 de xullo de 1995, primeiro baixo a tutela do Igape e a partires de 1998 da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia.

Hoxe en día, o CIS ten como misión fomentar as relacións dentro do sistema de innovación de Galicia como un axente de referencia para os demais actores (centros e plataformas tecnolóxicas, OPIs, universidades, etc), e contribuír deste xeito a acelerar os procesos innovadores no tecido produtivo, ao mesmo tempo potenciar infraestruturas de alto valor engadido que contribúen á dinamización dunha comarca especialmente afectada pola reconversión industrial.

“Despois de ler a definición e vontades coas que foi iniciado este Centro de Investigación Integral nesta comarca quedamos abraiados ao coñecer que os traballadores e traballadoras deste centro que se encargan do seu coidado, mantemento, conserxería e seguridade privada do mesmo van quedar sen traballo”, denuncia Martínez Ces.

Neste senso, critica que a Xunta destrúa postos de traballo na comarca amparándose no discurso da crise e na necesidade de tomar “as medidas pertinentes” para atallar esta situación. “O xeito de economizar nunca pasa por acometer accións xustas: eliminando os pluses de altos cargos, economizando nas instalacións e oficinas da mesma fundación, medios, etc.; se non aforrando e atallando o emprego máis precario”, subliña.

Tentativas de diálogo

A CIG e o persoal afectado  intentaron por todos os medios dialogar coa empresa e a Fundación para que se solucione o conflito xerado pola falta de previsión polo que queda descuberto o servizo.

Por iso, indican, “consideramos que a Xunta debe anticiparse aos problemas e resolver a situación cos traballadores e traballadoras, para que non prexudique só aos vixilantes de seguridade, mantemento e conserxería, senón tamén a traballadores e traballadoras do CIS Ferrol”.

cig.prensa@galizacig.com