A empresa Neira& Ortegal S.L, dedicada á compra-venda de materiais de construción, con centros de traballo en Ferrol, Narón, Ortigueira e Viveiro, é o resultado da fusión por absorción, no ano 2008, das empresas Almacenes Neira S.L e Ortegal Baño S.L O seu cadro de persoal chegou a ser de 90 traballadores/as.
En febreiro deste ano, a empresa iniciou o procedemento para facer un ERE de extinción alegando causas económicas e produtivas. O Comité de Empresa denuncia que durante todo este tempo, a empresa utilizou como arma de presión o atraso no pagamento dos salarios e neste intre adebédaselle o salario do mes de xullo e máis a paga extra.
Segundo explican, a empresa atópase inmersa na negociación dunha parte importante do accionariado cunha emprea de Lugo chamada Construdeco S.L. que lle exixe a Neira & Ortegal o despedimento mediante un ERE de 30 traballadores/as.
Informe do Comité
Segundo o informe do Comité de Empresa, este foi convocado por burofax para iniciar o procedemento de consultas no ERE presentado o pasado 26 de xullo. Na primeira reunión fíxoselles entrega da documentación que inicia o procedemento.
Desde o Comité asegúrase que, unha vez analizada esa documentación “decatámonos de que existen enormes lagoas na información facilitada pola empresa, que nos impiden poder verificar a situación real da mesma”.
Respecto da causa económica sinalan que segundo o artigo 6 do RD 43/1996 ten que presentarse a documentación “debidamente auditada acreditativa do estado e evolución da situación económica, financeira e patrimonial nos tres últimos anos”.
Porén, explican que tanto as contas anuais de 2007 como as de 2008 “carecen de informe de auditoría, incumpríndose, deste xeito, a norma citada”.
Ademais engade que a actual sociedade é froito da fusión de dúas empresas, polo que se debería contar, cando menos, coas contas anuais do exercicio 2007 “debidamente auditadas de ambas as dúas sociedades fusionadas”. Por iso conclúen que “é completamente contraditorio que a memoria explicativa tome como referencia datos contábeis de Ortegal Baño S.L., que non podemos contrastar”.
O Comité de Empresa salienta que tampouco se presenta ningún documento no que se avalíen as expectativas de repercusión en canto viabilidade futura da empresa, de forma que os despedimentos pretendidos, din “ben poderian, máis que superar a situación actual, acrecentar o problema, por exemplo, dificultando a realización do traballo, incentivando a baixada das vendas..”.
Afirman ademais que non se sinalan que outras actuacións, ademais da laboral, pretende executar a compañía para contribuír a súa viabilidade e o emprego futuro na mesma “existindo como existen multitude de gastos superfluos, como por exemplo, os arrendamentos financeiros de certos vehículos de luxo, algúns dos que non están sendo usados pola empresa, senón para desfrute persoal de persoas alleas á mesma, como o Mercedes 320 que figura na nota 8.1 da memoria das contas anuais do exercicio 2009”, denuncian.
Situación de fraude
O Comité de Empresa tamén denuncia a situación de fraude que se está a vivir nesta empresa, xa que figuran como parte do cadro de persoal persoas que non realizaron nin realizan traballo algún “como é o caso das catro esposas dos socios, incluídas neste ERE”.
Diante disto, o Comité de Empresa conclúe que a situación que se pretende acreditar “non é real” e que “non hai ningunha persoa que se atope sen realizar actividade”. A iso engaden que case a totalidade do cadro de persoal realiza unha xornada de 45 horas semanais sen que, en ningún momento, se lle reducise o tempo de traballo, nin sequera até cumprir coa xornada máxima legal.