Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 30/8/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

O naval aproveita o trinque mediático da volta ciclista para reclamar, en Vigo, solucións inmediatas para o sector

A CIG retoma as mobilizacións en demanda dun novo tax lease e de garantías de financiamento
A CIG aproveitou o paso da volta ciclista por Vigo para pór de novo en evidencia a problemática do sector naval, que agarda aínda a que se promova un novo tax lease e que se asegure o financiamento das obras. César Rodríguez, responsábel nacional do sector naval denuncia que, neste intre, os estaleiros seguen parados por falta de carga de traballo e que a destrución de emprego é constante.

Para a central sindical é imprescindíbel que haxa unha bonificación fiscal (tax lease), porque “neste intre si hai unha situación de competencia desleal dentro de Europa, xa que hai un país que non dispón dese instrumento e polo tanto non pode competir co resto”, explica Rodríguez.

Xunto a isto, o responsábel nacional do sector reclama que se asegure o financiamento das obras, dada a imposibilidade de conseguilo a través da banca privada. “Á administración non lle interesa porque tería que potenciar un organismo como PYMAR e está claro que non están dispostos a pór cartos. Pero estamos falando de avalar. Simplemente de que se garantan eses préstamos, que non hai problema para cobrar se se constrúen os barcos. O que requiriría, en todo caso, sería un maior control por parte do estado para que se cumpran eses prazos e esas obras se levan adiante”.

Ante a falta destas medidas o sector naval galego agoniza. Os estaleiros están parados, sen carga de traballo, e aqueles que tiñan, até o de agora, unha mínima carga de traballo comezan a rematala. “Son casos moi puntuais os que aparentemente a están conseguindo”, advirte.

Do mesmo xeito, alerta das consecuencias que a ausencia de bonificacións fiscais está a ter para as condicións laborais. Os barcos que se están a construír conlevan tax lease. As empresas o que fan é repercutilo nos orzamentos das auxiliares e estas á súa vez na man de obra. Xunto a isto hai un novo proceso de despedimentos obxectivos, non masivos, como o ano pasado, pero si en pingueira constante.

Por iso a CIG considera imprescindíbel retomar as mobilizacións. “Estamos xogando a última carta da baralla. Ou isto tira para adiante, ou xa non vai a haber remedio. O goberno está claro que decidiu mirar para outro lado e aquí estamos ante unha nova reconversión industrial. Semella que están xogando a perder tempo e que o propio sector perda forza desapareza sen facer moito ruído”.

Rodríguez lembra que se trata dun sector fundamental en Galiza e nomeadamente para comarcas como a de Ferrol, a ría de Vigo ou Marín. Hai catro anos había preto de 20.000 empregos directos directos máis o entramado de emprego indirecto. As consecuencias da crise estanse a notar tamén no comercio, cada vez máis deprimido. O grave, advirte, é que se está a reconverter sen crear outra cousa. “Son postos de traballo que se perden definitivamente, sen garantir o futuro. É demolición e non reconversión, porque non hai unha alternativa industrial”.

Galería de imaxes

cig.prensa@galizacig.com