Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 30/9/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Manuel González Moreira, da CIG-Saúde.

A Plataforma en defensa da Sanidade Pública convoca unha manifestación para o 29 de outubro en Vigo

O lema escollido é: "A privatización prexudica a túa saúde. Hospital Público xa"
O martes 30 de setembro tivo lugar unha rolda de prensa no local da Federación de Asociacións de Veciños/as Eduardo Chao para presentar a mobilización que o vindeiro 29 de outubro percorrerá as rúas de Vigo baixo o lema: “A privatización prexudica a túa saúde. Hospital público xa”. Ademais nesta comparecencia diante dos medios de comunicación analizouse a visita da Conselleira de Sanidade na xornada anterior, “que o que pretendía é confundir e desmobilizar”.
De dereita á esquerda, Xerardo Abraldes, secretario comarcal da CIG de Vigo, Angel Cameselle, de CCOO, Manuel González Moreira, da CIG-Saúde, Manuel Caride, do BNG, e un representante da Federación da Asociación de Veciños/as Eduardo Chao.

Manuel González, da CIG Saúde, comezou a súa intervención aclarando que "esta convocatoria de rolda de prensa para anunciar a mobilización do 29 de outubro estaba prevista antes de coñecer a visita da Conselleira de Sanidade, que coa súa rolda de prensa só tentou desmobilizar e aportar de novo información confusa sobre o proxecto do novo hospital".

Nese sentido, González subliñou que "resulta máis preocupante aquelo que non se dixo nesa rolda de prensa que o que si dixo, porque deixa moitas cousas no ar, e iso preocúpanos moito".

Perda da especialización en oncoloxia

Asi, o sindicalista da CIG-Saúde criticou que se aposte por un multihospital, e que se vaia manter o Meixoeiro como hospital Xeral, xa que "se perde a alta especialización en oncoloxia que estaba prevista para este centro", e anotou que sobre o reparto de camas de oncoloxía previstas para este centro só quedaría a metade.

Privatización pola financiación

"Preocúpanos a financiación, porque a privatización supón perda de calidade, e son vellas ferramentas de xestión que precarizan o emprego e diminúen a calidade do servizo", engadiu González.

Diminue o investimento na investigación

Outra das eivas neste proxecto sería a perda que suporía no ámbito da investigación, coas consecuencias que supón para a Universidade de Vigo, que perdería recursos e capacidade de investigación, asi como para a cidadania, en xeral. González engadía que "Vigo ten que defender un hospital de primeiro nivel, e para iso é preciso que se aposte pola investigación, porque senón nunca será un hospital punteiro".

Reclamou tamén á Xunta que "non se lle bote agora a culpa á crise, xa que unha Administración ten que establecer as súas prioridades de gasto e apostar polos servizos públicos", e insistiu na alternativa do financiamento xa acordada coa Sociedade Pública de Investimentos para a construción deste novo hospital.

Mobilización o 29 de outubro

Por todas estas razóns, a Plataforma en defensa da Sanidade Pública convoca unha mobilización, e fai un chamamento a toda a cidadanía a participar porque "Vigo non pode prescindir do hospital que precisa, e ten que sair á rúa defendelo". 

cig.prensa@galizacig.com