No decurso da mañá deste martes 31 de xaneiro celebráronse concentracións ante as xerencias Integradas de Atención Primaria e xerencias de área de Pontevedra, Vigo, A Coruña e Compostela, entre outras, para reclamar o cumprimento dos acordos asinados polo Sergas coas organizacións sindicais. CIG-Saúde considera prioritaria a defensa do emprego público, que se respecten os dereitos do persoal e que se fagan as contratacións a través das listas.
A CIG-Saúde demanda a inmediata convocatoria da Comisión de Seguimento dos Acordos de Primaria. María Xosé Abuín, secretaria nacional da federación, reclama da administración “unha actitude negociadora para desbloquear esta situación e que non aconteza como na xuntanza anterior, á que chegaron coa negativa absoluta a abordar ningún dos problemas expostos”.
Abuín fai este chamamento ao SERGAS, logo de ter fracaso a anterior xuntanza coa administración, convocada a instancias da CIG e avalada coa sinatura de máis de 400 profesionais.
Con estas concentracións CIG-Saúde segue a reclamar:
1.- Cómputo de xornada. Reclamamos unha interpretación correcta dos termos do acordo e a súa translación ao aplicativo informático, para rematar coa situación actual na que se penaliza aos traballadores cando teñan unha IT ou collen un permiso retribuído.
2.- Confección de calendarios. Reclamamos calendarios anuais elaborados coa participación das e dos traballadores e construídos con criterios de equidade. Neses calendarios, a xornada ordinaria e a complementaria deben estar claramente diferenciadas, e deben recoller necesariamente a xornada ordinaria do persoal de PAC e tódolos seus permisos.
3.- Cumprimento da Acta do 16 de xuño. Na súa aplicación en cada área reclamamos que, de quedar horas suficientes (1623 horas/anuais), se proceda á creación dun vinculo estable (obra e servizo) contratando persoal das listas de contratacións antes de ofertalas á voluntariedade.
4.- Contratación de persoal das listas. Reclamamos que se cumpran os apartados do acordo que establecen que diante dunha ausencia, o primeiro é contratar persoal das listas de contratacións. Lembran que na área de Vigo, por exemplo, hai máis de 70 médicos nas listas.
Finalmente, advirten que esta situación está a provocar a precarización das condicións de traballo do persoal dos PAC's, “o que repercute moi negativamente no servizo prestado aos cidadáns”.