Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 31/10/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG-Administración dubida que o obxectivo do anuncio de funcionarización de 6.000 laborais fixos sexa garantir o emprego

O sector da Autonómica insta a Feijoo a que reclame a retirada da reforma laboral se realmente lle preocupa protexer ao persoal das administracións
O sector da Autonómica da Federación de Administración da CIG vén de amosar as súas dúbidas ante a noticia da suposta funcionarización dunha parte do persoal laboral fixo da Xunta de Galiza, unha promesa realizada polo PP ao remate da campaña electoral. Así, advírtese que esta medida non procuraría dar seguridade laboral, senón que máis ben o seu obxectivo pasaría por dividir aos traballadores/as da administración ante os previsíbeis recortes que se aveciñan.

A este respecto, a CIG-Autonómica apunta que o momento elixido para lanzar este anuncio non foi ao azar. Cómpre lembrar que o pasado venres foi aprobado polo Partido Popular no Consello de Ministros o Real decreto 1483/2012, que dá luz verde ao despedimento de persoal laboral, incluído o persoal laboral fixo. No dito decreto, publicado no BOE do 30/10/2012, nin sequera se lle garante ao persoal laboral fixo unha preferencia de permanencia.

Tampouco se garante a causalidade dos despedimentos que vaian realizar, xa que a propia Administración poderá producir os motivos económicos ou organizativos que lexitimarán o ERE, explica o responsábel da CIG-Autonómica, Fernando García.

Para a CIG Administración Autonómica, o anuncio de Alberto Núñez Feijoo suscita multitude de dúbidas sobre que vai acontecer co persoal laboral non incluído na cifra de 6.000 funcionariábeis, se aí está comprendido todo o persoal laboral fixo, ou a que se refire o Presidente da Xunta cando fala do persoal laboral que superou “unha proba”.

“Unha cousa é apoiar a unificación do vínculo xurídico do conxunto dos empregados/as públicos/as da Xunta dándolle a todos a relación estatutaria de funcionarios/as, e outra moi distinta é que se funcionarice a uns e se deixe no aire ao resto do persoal laboral fixo, servíndolle de escusa ao Goberno de Feijoo para a privatización de todos os servizos prestados polo persoal que fique fóra da hipotética funcionarización”, matizan.

Por iso, dende o sector da Autonómica considérase arriscado apoiar por principio a funcionarización por lei dunha parte do persoal laboral fixo sen coñecer polo miúdo a proposta e sen contextualizar a medida no marco de despedimentos e reestruturación da administración “que se albisca no horizonte”.

García subliña que o primeiro é defender o emprego de todos os traballadores e traballadoras ao servizo das administracións, polo que insta a Feijoo a que “se realmente pretende protexer aos empregadas e empregados públicos fixos ante eventuais despedimentos, o que debería facer sería apoiar a retirada da reforma laboral que aprobou o seu partido”.

A este respecto sinala que mentres non haxa unha ruptura coas políticas de austeridade aplicadas polo PP, “a única certeza coa que debe contar todo empregado/a público/a é que o pago da débeda goza de prioridade absoluta”, o que implicará a imposición de novos recortes.

cig.prensa@galizacig.com