Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 31/5/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

CIG-Servizos denuncia a nefasta situación das condicións nas que se atopan a Torre de Hércules e os seus traballadores/as

O persoal que realiza as tarefas de portería, control e limpeza do edificio carece das condicións de seguridade e saúde laboral mínimas
A CIG-Servizos vén de denunciar publicamente a precaria situación laboral dos traballadores e traballadoras que realizan as tarefas de control, portería e limpeza da Torre de Hércules, por mor das terríbeis condicións nas que o Consorcio de Turismo, o Concello de A Coruña e a Autoridade Portuaria manteñen o edificio Patrimonio da Humanidade.

Dende a CIG-Servizos aclaran que dende hai anos os traballadores e as traballadoras da Torre de Hércules, empregados da empresa Sermasa (que ten a contrata deste servizo) veñen padecendo unhas condicións de seguridade e saúde laboral precarias sen que se teñan tomado as medidas axeitadas para corrixir esta situación.

Até o momento, a CIG e o persoal preferiron manter o silenzo sobre a situación na Torre para non interferir na consecución da declaración de Patrimonio da Humanidade, mais diante da pasividade política e da nefasta situación na que se atopa o edificio queren pór en coñecemento da opinión pública as irregularidades que se veñen perpetuando dende hai anos.

A finais de 2007, a CIG-Servizos denunciou ante a Inspección de Traballo as deficientes  condicións de seguridade e saúde da Torre, resolvendo a autoridade laboral que o Concello e a empresa concesionaria tiñan un mes de prazo (até febreiro de 2008) para corrixir, entre outras irregularidades, a instalación eléctrica do edificio (os cadros eléctricos atopábanse nun lugar por onde discorre a auga), ou a instalación de vestiarios e aseos.

As reformas levadas a cabo por orde da Inspección, e que constituíron parte das melloras nas que se baseou a candidatura da Torre a Patrimonio da Humanidade, foron realizadas con materias reutilizados (como no caso das pezas dos servizos), sen dar solución aos problemas de humidades existentes (de feito, os aseos para visitantes e persoal están habitualmente impracticábeis) nin preparar correctamente o edificio.

Así mesmo, dende a CIG-Servizos subliñan que levan máis de dous anos agardando unha resposta á solicitude de reunión formulada á Autoridade Portuaria (como titular da Torre de Hércules).

cig.prensa@galizacig.com