Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 31/5/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG denuncia que a condena de prisión a dous sindicalistas responde a un novo intento de criminalizar o movemento obreiro

Antolín Alcántara, da central nacionalista, e Ramón Sarmiento, de CCOO, foron sentenciados a nove e seis meses por participar na folga do Metal en 2009
A CIG rexeita a sentenza que condena a nove e seis meses de prisión os dirixentes sindicais Antolín Alcántara, responsábel de Negociación Colectiva da central nacionalista, e Ramón Sarmiento, secretario comarcal do Metal de CCOO en Vigo, ao entender que se trata dun novo intento de criminalizar o movemento obreiro. Dende a CIG consideran especialmente grave que se persiga xudicialmente a persoas que teñen destacado por defender os dereitos da clase traballadora mentres os causantes desta crise económica que está a afectar a millóns de persoas gozan de total impunidade.

Na sentenza, a xuíza considéraos responsábeis dun delito de desordes públicos por ter entrado na estación marítima de Vigo, onde se refuxiaron dunha das numerosas cargas policiais contra os traballadores/as que participaban na folga do Metal de 2009. Por outra banda, absólveos do delito de danos “ao non terse identificado aos autores” e imponlles o pago da metade das costas do proceso.

Nada máis coñecer a sentenza, o secretario nacional de Negociación Colectiva da CIG amosouse “satisfeito en parte, porque agardaba unha pena maior tendo en conta a crecente criminalización do movemento obreiro. Con todo, considera “moi grave” que se condene a penas de prisión a dous dirixentes sindicais por entrar non edificio público fuxindo dunha carga policial. “O peor de todo é que no caso de que se sume a pena ao xuízo que teño pendente suporía o meu ingreso na cadea”.

Finalmente, indicou que estas actuacións penais contra o movemento obreiro teñen moita máis gravidade nun contexto onde se están a cometer delitos económicos e financeiros case a diario, sen que ningún dos responsábeis se teña que sentar no banco dos acusados. “Está claro que neste sistema os ricos non van á cadea porque, como di o proverbio, 'as serpes só pican aos descalzos'”, rematou. 

Concentración solidaria

Precisamente coincidindo co novo xuízo contra Alcántara -proceso no que tamén está acusado o anterior responsábel do Naval da CIG Víctor García- a central nacionalista convoca unha concentración solidaria ás portas dos Xulgados de Vigo. Será o vindeiro xoves día 7 de xuño a partir das 9.30 horas.

Nesta ocasión a petición fiscal elévase a cinco anos de prisión para cada un deles, xa que están acusados dun presunto delito de desordes públicos e danos pola ocupación do edificio da Xunta de Galiza na cidade durante a folga do Metal de 2007.

Na central nacionalista teñen moi claro que se trata dun “xuízo político” co que o poder económico e xudicial quere escarmentar o sindicalismo máis combativo e con maior capacidade de mobilización, particularmente o que representa o sector do Metal da provincia de Pontevedra. Nesta senso, sorprende que os dous compañeiros da CIG sexan os únicos procesados dun comité de folga integrado por 12 persoas, dúas por cada sindicato convocante (CIG, CCOO, UGT e CUT).

Documentos
Panfleto explicativo sobre o proceso contra Antolín Alcántara e Víctor García.
cig.prensa@galizacig.com