Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 31/7/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Os traballadores/as de IPISA reclaman en Ourense a intervención da Xunta para pór fin ao conflito laboral

O persoal suma xa cinco mensualidades sen cobrar, incluída a paga extraordinaria de xullo

Camiño de Ourense e en demanda do cobro dos seus salarios, os traballadores e as traballadoras de IPISA retomaron as mobilizacións, logo de tres xornadas de traballo e antes do inicio do período de vacacións. O conxunto do persoal, acompañado por sindicalistas da CIG e CCOO de Valdeorras e Ourense marcharon sobre e capital da provincia para reclamar á Xunta que medie nun conflito laboral que se ven prolongando dende hai case tres anos.

Sobre ás oito da mañá do xoves 30 de xullo, varios os autobuses saían dende a praza do Concello de O Barco con dirección a Ourense, a onde os traballadores e as traballadoras de Iberoitaliana de Pizarras ían levar as protestas para reclamar os atrasos salariais, que neste momento xa suman cinco mensualidades, incluída a paga extraordinaria de xullo.

Seis quilómetros antes de chegar ao destino, os manifestantes abandonaron os autobuses para realizar o último traxecto a pé. Ao chegar á zona de As Lagoas, os traballadores e as traballadoras foron recibidos por delegados e delegadas de CIG e CCOO que se uniron á manifestación, e que previamente mantiveran unha concentración diante da Casa Sindical.

Dende alí, todos e todas marcharon até as portas do edificio da Xunta en Ourense para reclamar á administración unha implicación directa neste conflito que se vén prolongando dende hai case tres anos. Neste senso, a CIG-Valdeorras lamentaron a desidia que está a amosar a administración ante a situación crítica na que se atopan case duascentas familias.

Neste senso, reclamaron ao goberno galego que analice a actual situación no conxunto do sector da lousa, que nos últimos tempos eliminou arredor de mil postos de traballo, e que a concesión de axudas estea ligada ao mantemento do emprego.

Gastos en indemnizacións

Dende a CIG-Valdeorras teñen indicado que a verdadeira intención da dirección de IPISA pasa por “cansar” ao persoal, promovendo así as baixas voluntarias e desfacerse do persoal indefinido dun xeito barato. De feito, dende hai tres anos o cadro de persoal de IPISA veuse reducindo dende os 262 traballadores/as até os 125 que hai na actualidade.

“Calculamos que entre pagamentos por despido máis gastos de xuízos, IPISA xa gastou máis de un millón de euros”, informaron dende a Unión Local.

Asemblea o 17 de agosto

Os traballadores e as traballadoras tamén acordaron convocar unha asemblea á volta das vacacións, o vindeiro 17 de agosto, para analizar a situación daquela e convocar un novo calendario de protestas, á espera de que a dirección comece a cumprir as súas promesas e a facer fronte ás súas responsabilidades.

Máis imaxes

Podes ver máis imaxes da marcha a pé e a manifestación pinchando aquí ou visitando a Galería de Imaxes da nosa web.

cig.prensa@galizacig.com