Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 31/7/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A Xunta reforza o servizo de atención ao consumidor contratando á empresa da que apoderada Micaela Núñez Feijoo

O custo da arbitraxe das preferentes pagarémolo todos os galegos á irmá do Presidente
O goberno de Alberte Núñez Feijóo vén de recorrer á contratación da empresa EULEN, da que é apoderada  a súa irmá para a atención telefónica das persoas afectadas pola fraude das preferentes. Así o denuncia o sector da Autonómica da CIG-Administración, que asegura que o procedemento foi negociado sen publicidade –nin saíu no BOP, nin no DOG, nin no BOE, nin no DOUE- por un total de 85.000 euros, 60.000 para a provincia da Coruña e 25.000 para a de Pontevedra.

Fernando García Fernández, responsábel da Autonómica denuncia que malia anunciar que sobran funcionarios, o goberno do Partido Popular presentou ás organizacións sindicais unha proposta para pagar produtividade a persoal funcionario que temporalmente desenvolva a tarefa de arbitraxe nos laudos sobre as preferentes no Instituto Galego de Consumo.

Explica que “ante a falta de árbitros, que teñen que ter a condición de persoal ao servizo das Administracións Públicas, a Xunta ten que recorrer a funcionarios/as doutras consellarías para sacar adiante os procedementos”, e engade que “independentemente de que se habilite a arbitraxe o persoal do Instituto Galego de Consumo vai ver como aumenta o volume de traballo sen que se incremente o cadro de persoal para asumir esta nova carga ao ter que ser asumido un maior volume de traballo na fase de tramitación polos funcionarios/as de consumo, sendo só os árbitros os que van cobrar a produtividade”, engade.

García afirma que, ante isto, Feijoo decidiu recorrer a unha solución “máis que beneficiosa para a súa familia: contratar á empresa EULEN, da que a súa irmá é apoderada para a atención telefónica dos afectados nun procedemento negociado sen publicidade (Nin saíu no BOP, nin no DOG, nin no BOE, nin no DOUE) por un total de 85,000 euros (60,000 para a provincia da Coruña e 25,000 para a de Pontevedra)”.

Ante esta situación, a CIG-Administración denuncia que mentres se di sobran funcionarios, as empresas privadas “fan o seu agosto a conta das preferentes” ao utilizar medios públicos do Instituto Galego de Consumo e das Delegacións Territoriais onde atenden aos afectados, xa que “non só están a asumir a atención telefónica senón que recollen a documentación dos afectados/as”.

Segundo o representante da CIG, o custo desta operación vai á conta do erario público, mentres se reducen funcionarios/as e se enchen as delegacións de empresas privadas pagadas cos cartos dos recortes.

“A desfeita das preferentes só trae beneficios para CAIXANOVA e os familiares de Feijoo, mentres se multiplican os prexuízos para os afectados, os empregados públicos e os cidadáns, que van ser quen paguen a factura”, sinala.

cig.prensa@galizacig.com