A medida de presión iniciouse o luns ás 07:00 horas e prolongarase até a mesma hora deste mércores, pero dende o Comité non descartan levar a cabo novas accións máis contundentes se non se producen avances significativos. Manuel Bouzón, delegado da CIG na empresa, lembra que os traballadores/as de Emesa teñen os salarios conxelados dende o ano 2008, mentres a dirección practica un bloqueo sistemático da negociación colectiva.
Ademais, lembra que nos últimos anos o persoal tivo que padecer catro expedientes de regulación consecutivos que se prolongaron durante 26 meses –un deles supuxo a extinción do contrato para 100 operarios/as-. O encadeamento de EREs implicou un considerábel prexuízo económico e que unha parte importante do persoal afectado gastase o dereito á prestación por desemprego.
Do mesmo xeito, co peche o Comité quere demandar da dirección que aclare a situación para a factoría de Coirós, en relación á carga de traballo prevista para o futuro e as perspectivas de emprego de cara aos próximos anos.