Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 31/8/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A Xunta gastará dous millóns de euros en privatizar o servizo de cita previa do Sergas, que só creará emprego precario

CIG-Saúde reclama unha central de chamadas pública, racional e que evite as excesivas cargas de traballo ao persoal dos centros
O Goberno galego vai gastar dous millóns de euros para privatizar o servizo de cita previa de Atención Primaria, unha decisión que critican con dureza dende a CIG-Saúde, xa que, alén de avanzar no proceso de privatización da sanidade pública, esta nova contrata favorecerá a creación de emprego precario. A Federación de Saúde da CIG esixe a Xunta a promoción dun modelo máis racional e austero e que destine eses millóns de euros á contratación de persoal estatutario para alixeirar a sobrecarga de traballo que padecen os empregados/as dos centros sanitarios.

O 30 de agosto, o Goberno galego publicaba no DOG a licitación para a contratación do servizo de cita previa do Sergas por un montante total de 1.950.000 euros.  A empresa que resulte adxudicataria deste servizo 902 atenderá chamadas desviadas dos centros sanitarios e empregará as ferramentas informáticas que lle proporcione a Xunta, así como a rede corporativa de telefonía do Goberno galego, que será o encargado de achegar tamén os medios necesarios e asumir os custes de instalación da solución telefónica e da facturación do servizo.

A CIG-Saúde critica que con este avance no camiño da privatización da sanidade pública nin sequera se vai fomentar a creación de emprego de cualidade, xa que  todos os contratos que se realicen serán de carácter temporal e a tempo parcial, cunha xornada máxima de 28 horas semanais e mesmo haberá contratos de só seis horas. “Este é o modelo que a Xunta  quere levar a toda Galiza para mellorar a atención na sanidade pública e potenciar a austeridade, en lugar de empregar traballadores/as propios do Sergas”, denuncian.

Para o cálculo do orzamento de licitación, explican dende a CIG-Saúde, a Xunta  estima que recibirá arredor de 2,6 millóns de peticións de citas médicas nun ano, e pagará cada cita que atenda a empresa privada a un prezo de 0,75 euros. A maiores, as instalacións de telefonía e a rede correrán a cargo da propia administración.

Os centros retoman a cita previa

A contrata suporá así mesmo a modificación das condicións do servizo, posto que a xestión da cita previa regresa aos centros de saúde, deixando exclusivamente para a empresa privada as chamadas que se produzan por rebosamento. Con este modelo precarizaranse aínda máis as condicións de traballo do persoal de servizos xerais e administración, xa sobresaturados, que agora terán que atender tamén o teléfono.

A este respecto, a CIG  subliña que con eses dous millóns de euros poderíanse contratar uns 140 PSX (persoal de servizos xerais) para aliviar as cargas de traballo e, tal e como esixe a CIG-Saúde desde hai moito tempo, levar a cabo a contratación deste persoal estatutario para atender o servizo desde o propio Sergas, centralizando as chamadas nun número de teléfono que sería atendido por empregados/as da administración pública. “É dicir: unha central de chamadas pública, útil, que funcione as 24 horas do día os 365 días do ano e que libere das excesivas cargas de traballo e da precarización ao actual persoal dos centros de saúde”, aseveran. Un método moito máis racional e austero que o empregado pola conselleira de Sanidade.

cig.prensa@galizacig.com