Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 31/8/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
: CCOO : : CIG : : concentracións : : recortes : : saqueo : : UGT :

As concentracións conxuntas “contra o saqueo” dan paso ao novo calendario de mobilizacións que comezará en setembro

Celebráronse na práctica totalidade das comarcas, en Compostela, coincidindo co paso da volta ciclista
O último día do mes de agosto coincidiu en venres e, polo tanto, cun novo Consello de Ministros e con concentracións nas comarcas. Remata así a xeira de mobilizacións que tiñan como obxectivo manter, nun mes complicado ao coincidiren co período vacacional, un nivel de resposta, aínda de baixa intensidade, ás políticas xa aprobadas polo goberno e alertar sobre as que se van aprobar nos vindeiros meses. Ábrese en setembro un novo calendario de mobilizacións, a primeira, o vindeiro día 7, con concentracións conxuntas con CCOO e UGT diante das sedes da Confederación de Empresarios nas distintas cidades.

Segundo explica o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, ante as sedes da patronal preténdese denunciar a problemática derivada da reforma laboral e da reforma da negociación colectiva, alén das consecuencias que iso terá no contido dos convenios ou a súa vixencia.

O día 8 esta convocada unha manifestación nacional en Compostela para denunciar o deterioro dos servizos públicos e das condicións laborais das empregadas e empregados públicos.

Como CIG, exclusivamente, está prevista unha asemblea nacional de delegados/as con manifestación posterior, o día 11 de setembro.

A central sindical está ademais en conversas coas outras organizacións sindicais, na perspectiva de convocar conxuntamente novas mobilizacións no decurso deste mes e mesmo de convocar unha folga xeral cara finais.

Pasar á mobilización social xeneralizada

O secretario xeral da CIG afirma que logo destas concentracións do mes de agosto “hai que pasar xa a unha contestación moito máis xeneralizada e numerosa no que se refire a resposta social”. Entende que é imprescindíbel manifestar a oposición na rúa ás políticas que vén impondo o PP “polo que teñen de negativas, polo seu carácter antisocial e porque realmente non están pensadas como unha saída  á crise. A proba é que no están servindo para iso, estamos en situación de recesión económica e cunha previsión en canto a destrución de emprego, tanto deste ano como do que vén, importante”, di.

Por iso, afirma “hai que seguir a mobilizarse para denunciar estas políticas pero tamén para exixir outras alternativas, co convencemento de que se poden adoptar medidas que axuden a saír da crise favorecendo ademais os intereses da maioría social e non os da banca e os especuladores que é ao que obedecen as que se promoven desde a UE e das que fai seguidismo o goberno español”.

Orzamentos, pensións e rebaixas salariais

Subliña que están pendentes de se aprobar os orzamentos para o ano 2013, que parece que serán presentados a finais do mes de setembro. “Aí váiselle dar concreción a toda esta política de axustes e poderemos comprobar o alcance dos recortes en investimento e o gasto público”.

Alerta das novas medidas que está a barallar o Partido Popular, nomeadamente dunha nova reforma das pensións que posibelmente se concrete na redución do período previsto para a aplicación da xubilación aos 67 anos. Tras da última reforma estabeleceuse o incremento progresivo dos 65 aos 67 até o ano 2028. A pretensión do PP é adiantar este calendario e comezar a aplicar a xubilación aos 67 de forma máis inmediata. “Tampouco non descartamos non descartamos que poñan enriba da mesa outros aspectos. Podería vir acompañado da conxelación das pensións ou de aplicar outro dos temas latentes desde hai tempo: coller todo o período laboral para calcular a base reguladora. Eles saben que iso supón automaticamente unha redución na contía das pensións futuras”.

O secretario xeral da CIG lembra que respecto dos cambios que se fixeron nese sentido, ampliando o período de cálculo aos últimos 25 anos, a mesma UE recoñeceu que supuxo unha caída importante na contía das pensións no estado español. “Se collen toda a vida laboral aínda se vai acentuar máis iso. Non sería de estrañar que agora o PP o termine impondo aproveitando que ten maioría absoluta no parlamento español”.

Xunto a isto advirte de que a caída dos salarios que se está a producir na función pública se vai trasladar tamén ao sector privado. “A reforma laboral que se fixo, no que respecta a negociación colectiva, ten como obxectivo provocar unha caída nos salarios, que eu calculo que será da orde do 20%. Isto terá consecuencias obvias como caída do consumo e da actividade produtiva, polo tanto máis recesión e máis paro. Como aquí a política monetaria está en mans do BCE, o que se pretende é, pola vía de reducir os salarios, aumentar a competitividade, no canto de xogar coa política monetaria, que hoxe está en mans do BCE”.

Galería de imaxes

cig.prensa@galizacig.com