Os principais medios de comunicación, controlados por empresas privadas, tentaron desde o anuncio da súa convocatoria de boicotar a Folga Xeral. A súa estratexia desmobilizadora foi mudando segundo se avanzaba no calendario.
Nos primeiros intres cuestionaron a necesidade de Folga e os seus argumentos, afirmando que sería algo prexudicial para a economía e o emprego. Ao pouco avivouse o seu discurso antisindical, no que a través dunha xeneralización que saben inxusta, equiparaban a todos os sindicatos independentemente de que teñan prácticas e concepcións diferentes, proxectando a idea de ser estruturas burocratizadas, servís ou compradas polo goberno central a golpe de subvencións.
Despois tentaron instalar a idea de que a folga ía ser un fracaso, que non ía haber paro e que sería un día laborábel normal, coa intención de desmobilizar por contaxio e facer desistir ás traballadoras e traballadores que xa decidiran mobilizarse. E finalmente esforzáronse por crear un clima previo de alarma, denunciando a presunta violencia e coacción forzosa que os piquetes informativos ían desenvolver, equiparándoos mesmo con grupos de matóns.
Nesta tarefa claramente intoxicadora e alienante, de distorsión da realidade, tiveron un papel importante a meirande parte das e dos opinadores profesionais que actuaron de facto como mercenarias/os do pensamento único, como sicarios discursivos do grande capital e da patronal. As tertulias e “debates” deixaron as claras a escasa concepción democrática dos medios que as promoveron pola nula pluralidade ideolóxica que nelas puido opinar e que se limitaba a algúns segmentos do centro-esquerda (próximos ao PSOE e ao goberno) e un groso corpo de elementos claramente de dereitas, e mesmo ultras.
O resultado da Folga Xeral segundo as principais portadas.
A inmensa maioría dos xornais que se distribúen en Galiza presentaron o resultado da Folga Xeral, que foi un éxito rotundo no noso país, como un medio fracaso. Ao tempo que non podían negar a evidencia do elevado paro laboral rexistrado sempre incorporaban algunha matización que a contradicía, co obxectivo de minimizar como sexa o impacto real que tivo a folga.
Estes foron os principais titulares:
La Voz de Galicia: “A folga pechou industrias pero non á Administración nin o comercio galegos”
Faro de Vigo: “Os sindicatos paralizan Vigo cunha folga menor no resto de Galiza”
La Opinión: “Milleiros de coruñeses mobilízanse en apoio a unha folga que tivo respaldo desigual”
El País – Galicia: “A industria capitanea a folga”
Diario de Pontevedra: “Os sindicatos cualifican de éxito a folga, que non paralizou o país”
Diario de Ferrol: “A comarca de Ferrol secunda masivamente a folga con incidentes isolados e sen importancia”
La Región: “29-S: a folga non foi xeral”
Esaxeración da violencia para criminalizar o sindicalismo.
Pero ademais desa presentación contraditoria e confusa do resultado da convocatoria que se fai nos titulares, a meirande parte dos medios decidiron complementalos con subtítulos que teimaban en ligar folga-sindicatos con violencia, destacando en primeira páxina incidentes menores e illados para crear a sensación de que a folga se desenvolveu nun clima violento e de que actuación dos piquetes informativos foi vandálica.
“Dezanove detidos e máis de 110.00 participantes nas manifestacións” sinala nun dos subtítulos que acompañan ao titular da portada La Voz de Galicia, equiparando en importancia a participación cos leves incidentes rexistrados. “Detido un afiliado da CIG por romper o vidro dunha sucursal de Caixanova” indica o Diario de Pontevedra tamén na súa capa.
Un denominador común do tratamento informativo da Folga Xeral está no esforzo dos medios de comunicación por difundir a idea de que o paro practicamente total rexistrado nesa xornada non foi resultado do compromiso e conciencia da clase traballadora, senón consecuencia da acción presuntamente violenta dos piquetes. Así La Opinión sinala que “As barricadas colapsaron Alfonso Molina a primeira hora da mañá e piquetes paralizaron o tráfico nos polígonos”. Pola súa banda La Región afirma que “Vigo foi a cidade de maior incidencia e máis enfrontamentos”. “En Vigo tiveron lugar as acción máis radicas de piquetes, coa queima de autobuses” di o Diario de Ferrol. E xa nunha demostración extrema de manipulación La Voz de Galicia fala de “Tres policías feridos nunha carga contra os piquetes en Vigo, cidade onde se lanzaron varios cócteles molotov”.
Igual que nas portadas, nas páxinas interiores incídese na mesma liña con titulares como “A próxima visita será con dinamita” (La Opinión, páx. 42), “Barricadas de neumáticos ardendo colapsan os accesos de A Coruña” (La Voz de Galicia, páx. 8), “A acción de piquetes forzou o paro nas áreas industriais” (La Región, páx. 2), “Aló menos 17 detidos en Galiza, catro en Vigo, por queimar contedores e agredir á Policía” (Faro de Vigo, páx. 26) ou “As peixeiras da Praza de Abastos enfróntanse aos sindicalistas” (Diario de Pontevedra, páx. 6). Moitas destas crónicas parcializadas ocuparon espazos preferenciais nos diferentes xornais, algunhas publicadas a cinco columnas.
Paradoxicamente en ningún medio se fai ningunha mención á coacción patronal exercida por numerosas empresas que ameazaron con represalias e mesmo co despedimento ás e aos traballadoras que decidiran exercer o seu dereito á folga.
A presunta “opinión pública”
Varios xornais recolleron unha selección de “opinións” manifestadas por cidadás e cidadáns a pé de rúa ao longo da xornada de Folga Xeral. Como ben sendo habitual, neste tipo de escolmas percíbese a mesma parcialidade que se recollen nas noticias. Así de 15 testemuños recollidos por Faro de Vigo, 12 persoas exprésanse contra a folga, os sindicatos e/ou os piquetes, e apenas 3 afirman apoiala. Contrasta esa proporción co seguimento practicamente total rexistrado na comarca de Vigo, e máis nesa cidade onde decenas de milleiros de persoas se manifestaron polas súas rúas. Da mesma proporción son os testemuños publicados polo Diario de Pontevedra, onde 8 opinións dun total de 10 son contrarias á folga.
Estes feitos demostran máis unha vez como o estado da “opinión pública” é un produto elaborado polos propios medios de comunicación en base a súa orientación editorial, e non un reflexo do sentir social.
Sorprendente foi tamén a teoría exposta por Xornal de Galicia o día 30 a respecto da paralización da rotativa na que se imprime (xunto a Faro de Vigo e La Opinión, medios que Xornal cualifica de “progresistas”) e que pola contra La Voz de Galicia si que puidera imprimir a súa edición do 29-S, deslizando a posibilidade de que foran os sindicatos os que discriminaron a uns medios fronte a outros (e non fose resultado da actuación policial no caso do medio que se imprime en Sabón).
Ofensiva editorial.
Varios medios publicaron editoriais claramente contrarios á Folga Xeral, destinados a minusvalorar o paro rexistrado e a descualificar ao sindicalismo.
Un exemplo paradigmático pola súa dureza antisindical é o editorial de Faro de Vigo -medio que non puido ser publicado o propio día da Folga polo paro na súa rotativa- titulado “Unha folga de outro tempo”e reproducido parcialmente no seu xornal espello en A Coruña (La Opinión).
O texto arranca afirmando que “Abrande ou non ao Goberno, que está por ver, os convocantes da folga xeral de onte xa perderon”. “Funcionou o medo: moitos asalariados e autónomos galegos confesaban o seu desexo de traballar –estes tempos difíciles non están como para perder xornais-. O temor a complicarse a vida por unha violenta represalia lles fixo a moitos desistir no intento” prosigue, para concluír coa soflama dicindo que “(…) as intimidacións, boicotes e ameazas non lles axudarán (aos sindicatos) a chegar a bo porto.”
Esperpento de crónica
O Diario de Pontevedra decidiu dedicarlle unha páxina completa, a cinco columnas, a unha crónica do primeiro piquete informativo do día de folga na cidade de Vigo, elaborada presuntamente por un participante ligado a organizacións sindicais de escasísima representatividade. No texto, titulado con “Pillounos a ‘secreta’ coa silicona no Inem” o piqueteiro-cronista insiste na caricaturización violenta da acción dos piquetes, elevando feitos anécdoticos á categoría de pauta xeral, con afirmacións como “Decidimos amolar a folga. Hai xente que quere queimar a cidade” ou “Ao entrar en Pontevedra paramos nun súper co que houbo conflitos serios no Estado, e sempre lles tivemos ganas”.
“Iamos tirando contedores e vallas á rúa para impedir o paso de vehículos, pegando autocolantes e facendo algunha pintada en bancos (..)” narra noutro fragmento, que contrasta coa conclusión coa que finaliza o texto na que afirma que “Obviamente isto non son so anos 70 nin é a reconversión do metal dos 80. Non hai tanto apoio social”, en clara concordancia coas teses antifolga difundidas polos media.
A completa desorientación e desinformación do cronista queda patente cando confunde a Serafín Otero (Secretario Comarcal da CIG de Vigo) con Suso Seixo (Secretario Xeral da CIG), ao referirse á intervención do primeiro dando por concluído ese piquete informativo –que decorreu sen incidentes- ao ficar pechados todos os establecementos da zona centro da cidade olívica.
A deliberada invisibilización da CIG
Tendo en conta que a manifestación convocada pola CIG en solitario foi a máis numerosa das celebradas na cidade de Vigo (con máis de 40.000 participantes), o feito de que a práctica totalidade das portadas dos medios galegos e das edicións para Galiza da prensa estatal publicaran pola contra imaxes da manifestación de CCOO e UGT, é ben demostrativo da deliberada invisibilización á que se someteu ao sindicalismo nacionalista e de clase, malia a súa capital contribución ao éxito da folga e ás súas mobilización.
Esa foi a tónica xeral tamén nas semanas previas á Folga Xeral, nas que a CIG foi obviada a mantenta polos media, dándose o paradoxo de que os medios públicos galegos (TVG e RG) nos cortes informativos referidos á folga só fixeran referencias aos posicionamentos do sindicalismo estatal. Inda sendo uns dos sindicatos convocantes, para os medios galegos a CIG non existe.
É unha invisibilización de carácter ideolóxico, que entronca coa que se practica co conxunto das organización do movemento nacionalismo galego.
Aclaración: Esta análise non pode ser entendida como un cuestionamento nin crítica ás e aos compañeiros traballadores dos medios de comunicación, senón como unha denuncia contra as liñas editoriais e a súa dirección.