Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 4/10/2011
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Traballadores/as de Limpeza dos hospitais de Santiago inician mobilizacións ante o retroceso das súas condicións de traballo

Concentráronse esta mañá, ás 9:00 h, no Clínico; ás 10:00 h, no Provincial e ás 11:00 h no Psiquiátrico
Os comités de empresa da Limpeza do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) convocaron para esta mañá concentracións diante dos centros hospitalarios para manifestar o seu rexeitamento aos pregos de condicións desta contrata. Denuncian que suporá un retroceso nas súas condicións laborais e unha diminución de case 700.000 euros no orzamento respecto do anterior concurso. Un recorte que, consideran, terá negativas repercusións sobre a calidade da limpeza hospitalaria.

A esta situación engaden a débeda duns 120 euros mensuais por traballador/a que, desde hai case dous anos, se mantén co cadro de persoal destes centros en concepto de carreira profesional. Débeda que persiste malia haber varias sentenzas xudiciais favorábeis aos traballadores/as.

Os comités aseguran que non van consentir “que se nos impoñan novas condicións de traballo (cambio de horarios, cambio de zonas de traballo, novas tarefas…) vía prego de contratación”, máis cando aseguran que moitas desas condicións de traballo xa foran discutidas coa actual empresa concesionaria do servizo sen que se levasen á práctica porque, explican “pouco ou nada resolvían e si, pola contra, xeraban novas problemáticas”, ou noutros casos, foran denunciadas fronte á Inspección de Traballo dándoselle a razón aos traballadores/as.

Os comités denuncian que nos pregos de contratación tampouco se estabelece un mínimo das presenzas diarias necesarias e demandadas polo SERGAS. Pola contra, “déixase a porta aberta a que as empresas oferten segundo o seu criterio, sen exixir o cumprimento das actualmente existentes e comprometidas”.

O actual concurso sae con 685.000 euros menos que o anterior, celebrado en 2006, o que para o comité é “manifestamente insuficiente”, tendo en conta os incrementos dos custos salariais e materiais nestes anos e as cantidades que se adebedan en concepto de carreira profesional. “Pode anticipar recortes de toda índole neste servizo, co conseguinte resentimento na calidade dun servizo tan sensíbel como o da limpeza hospitalaria”, din.

Para os comités de empresa tamén é especialmente preocupante que esta contrata poida ser concedida en catro lotes distintos, un por hospital –Clínico, Provincial, Psiquiátrico e Gil Casares-, porque alén de “seguir contribuíndo a un empeoramento do servizo, tamén ten como fondo socavar a forza e unidades dos/as traballadores/as”, aseguran.

Os comités de empresa anuncian que diante desta situación recorrerán a todos os recursos legais, ademais de manter a convocatoria de concentracións, que se desenvolverán de xeito indefinido –de luns a venres-, desde a xornada de hoxe.

cig.prensa@galizacig.com