Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 4/10/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG-Banca entrega na Xunta máis de 10.000 sinaturas para reclamar o mantemento das oficinas liquidadoras

A central nacionalista denuncia que a decisión do PP de suprimilas suporá a perda de 150 postos de traballo
A federación de Banca da CIG fixo entrega hoxe nos rexistros da Xunta en Santiago, Vigo e Lugo das máis de 10.000 sinaturas recollidas por todo o país para instar ao Goberno galego a revocar a súa determinación de suprimir as funcións de oficinas liquidadoras que se realizan a través dos Rexistro da Propiedade de vilas e cabeceiras de comarcas, ademais de reclamarlle que renove os convenios asinados até agora. Dende a central nacionalista denuncian que esta decisión do PP suporá a perda de 150 postos de traballo.

Nas follas de recollida de sinaturas remitidas ao presidente galego explícase que as persoas titulares dos Rexistros da Propiedade das vilas e cabeceiras de comarca de Galiza, agás aqueles situados nas cidades da Coruña, Vigo, Lugo, Ourense, Pontevedra , veñen de coñecer a intención da Xunta de Galiza de non proceder á renovación do convenio que expira o 31 de decembro deste ano, en virtude do cal estes prestaban os servizos, entre outros, de oficinas liquidadoras de diferentes taxas e impostos.

A través destas oficinas liquidadoras nos diferentes Rexistros da Propiedade realizan todas as xestións relacionadas con sucesións, transmisións, actos xurídicos documentados, societarios, etc., ademais da correspondente liquidación das taxas e xestións como as relacionadas coa interposición de recursos de reposición, comprobación de valores, notificacións ou requirimentos ás persoas interesadas, entre outras.

Ademais a existencia nas mesmas de persoal especializado no ámbito do dereito civil, propiedade, etc. permite prestarlles ás persoas do ámbito de actuación no que se atopa o noso concello, servizos de información e asesoramento ao tempo que actúan como arquivos de documentos e escrituras privadas. Hai que ter en conta que en Galiza non hai tradición de escritura pública polo que resulta moi importante o labor de arquivo de escrituras privadas que veñen realizando estas oficinas, xa que arquivan un exemplar de cada documento privado que é obxecto dalgún trámite nesa oficina e queda alí para o futuro; podendo as persoas interesadas acudir en caso de extravío ou para futuras partillas de persoas herdeiras.

De proceder por parte do goberno da Xunta de Galiza á desaparición destas oficinas liquidadoras o Rexistro da Propiedade de vilas e cabeceiras de comarca pasarán a ser meros receptores, obrigando aos veciños e veciñas interesadas a acudir ás cidades antes citadas para realizar o resto dos trámites relacionados coa liquidación, ademais de perder o resto dos servizos que se lles viñan prestando.

Esta actuación supón un novo golpe de graza do goberno do PP á poboación que vive fóra dos grandes núcleos urbanos da nosa nación pois trátase dunha medida que priva de servizos cos que viñan contando as persoas que viven en vilas e aldeas do rural. Trátase dunha medida que vai claramente en contra do proceso de comarcalización dos servizos e do equilibrio territorial. O que vén demostrar o nulo interese do PP polo mantemento de poboación e actividade económica nas cabeceiras de comarca, nas vilas e nas aldeas, e o exercicio dunha política que priva á xente destes lugares de máis servizos, incrementando a súa dependencia das grandes cidades.

Levar a cabo unha decisión deste calibre supón menosprezar as características da poboación galega, tanto no que atinxe á súa dispersión, ás súas condicións socioeconómicas, ao seu envellecemento como aos grandes déficits de mobilidade que padece en gran parte do noso territorio, ao que debemos engadir outras decisións lesivas como a redución do mapa xudicial.

Esta nova medida do PP vai motivar a perda de arredor 150 postos de traballo en Galiza, postos de traballo cualificados e asentados en contornos sensíbeis como o medio rural, baixo o pretexto do aforro e a austeridade. Diante disto, instan o Goberno galego a revocar a súa determinación de suprimir as funcións de oficinas liquidadoras que se realizan a través dos Rexistro da Propiedade de vilas e cabeceiras de comarcas, ademais de reclamarlle que renove os convenios asinados até agora.

cig.prensa@galizacig.com