Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 4/10/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Arredor de 50.000 persoas convocadas pola CIG saen á rúa en Galiza para amosar o seu rexeitamento ás políticas do PP

Suso Seixo fixo un chamamento para desaloxar a Núñez Feijóo da Xunta o vindeiro 21 de outubro e apostou pola convocatoria dunha nova folga xeral
Arredor de 50.000 persoas participaron nas manifestacións convocadas pola Confederación Intersindical Galega nas sete cidades galegas, Vilagarcía e Foz, para amosar o se rexeitamento ás políticas de recortes e axustes que están a aplicar os Gobernos do Partido Popular na Xunta e no Estado. O secretario xeral da central nacionalista, que participou na mobilización de Vigo, fixo un chamamento a desaloxar o PP do Goberno galego o vindeiro 21 de outubro e apostou pola convocatoria dunha nova folga xeral.

Estas mobilizacións, que se celebraron baixo o lema “Paremos o PP! Non ao saqueo do pobo. Existen alternativas. Rescatemos os nosos dereitos”, fan parte da campaña desenvolvida pola CIG para denunciar as políticas de recortes que está a aplicar o PP nos Gobernos galego e español e para facer fincapé nas “nefastas consecuencias” que tivo para o noso país o mandato de Núñez Feijóo.

A manifestación máis numerosa foi unha vez máis a celebrada en Vigo, onde unhas 15.000 persoas percorreron a distancia entre Vía Norte e o edificio administrativo da Xunta de Galiza. Unha vez alí, o encargado de pechar o acto antes da interpretación do Himno Galego foi o secretario xeral. Suso Seixo comezou a súa intervención lembrando os motivos polos que a CIG decidiu convocar as manifestacións nesta data e non noutra: por unha banda a presentación duns Orzamentos xerais do Estado que consolidan os recortes e a previsión dun novo rescate ao Estado español, e pola outra o inicio da campaña electoral en Galiza.

Con respecto ás contas estatais, criticou que inclúan outra conxelación salarial para os empregados/as públicos/as, novas reformas laborais, máis privatizacións de empresas e servizos públicos, redución dos recursos destinados a prestacións por desemprego e a reserva de 38.000 millóns de euros para facer fronte os xuros derivados da débeda pública. “Todo isto vaise ver agravado se o Estado español ten que solicitar un segundo rescate á Unión Europea”, advertiu.

Neste senso, indicou que a achega de fondos comunitarios virá acompañada de máis esixencias, comezando por unha nova reforma do sistema público de pensións. Entre elas, citou a eliminación da xubilación parcial con contrato de relevo, novas limitacións á xubilación anticipada, adianto da aplicación da idade de xubilación aos 67 anos e a non aplicación do IPC para actualizar as pensións.

En canto á segunda das razóns para convocar as protestas, o máximo responsábel da CIG salientou a importancia de que despois do 21-O haxa un novo Goberno galego non presidido polo PP, “un Goberno galego ao servizo dos intereses de Galiza e non aos de Madrid ou aos da oligarquía española”. Seixo acusou a Núñez Feijóo de mentir e enganar os galegos/as e de seren o responsábel das “nefastas consecuencias” que o seu goberno tivo para o país. Nesta liña, lembrou que dende que asumiu a presidencia da Xunta hai 100.000 parados/as máis en Galiza, os servizos sociais públicos experimentaron un importante deterioro e asistimos á destrución dunha parte moi importante do noso tecido produtivo.

Por todo isto, asegurou que “o que pase nas vindeiras eleccións autonómicas tamén forma parte da nosa loita contras as políticas antisocias e antiobreiras promovidas polo PP e polos grandes grupos económicos contra a maioría social, a clase traballadora”. Finalmente, incidiu na necesidade de cambiar a correlación de forzas no Parlamento Galego a favor do nacionalismo e daquelas forzas políticas galegas dispostas a enfrontarse a estas políticas neoliberais e impedir que goberne en Galiza un partido como o PP “que non dubida en mentir, manipular e utilizar as institucións públicas para manterse no poder”.

Cara a unha nova folga xeral

Tanto durante o percorrido como nas intervencións finais das distintas marchas escoitáronse numerosas consignas a favor dunha nova convocatoria de folga xeral. O propio secretario xeral lembrou durante o seu discurso que a CGTP-IN portuguesa convocou un paro o vindeiro 14 de novembro e adiantou que a CIG seguirá a acumular forzas co obxectivo de convocar unha nova folga xeral.

Galería de imaxes das manifestacións.

cig.prensa@galizacig.com