Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 4/10/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Os traballadores/as do naval queiman os Orzamentos en protesta pola ausencia de partidas destinadas aos estaleiros de Ferrol

A CIG critica o uso electoralista que o PP esta á a facer da crise do sector e esixe que se fixe unha data para a reunión da Comisión de Seguimento do dique
Miles de traballadores e traballadoras dos estaleiros da ría de Ferrol volveron levar ás rúas as súas reivindicacións en demanda de carga de traballo e a construción do dique flotante. Nesta ocasión realizaron unha queima simbólica dos orzamentos xerais do estado para o ano 2013, xa que neles non se contempla nin unha soa partida para o sector nin para a construción dunha infraestrutura “imprescindíbel” para garantir o futuro da industria naval na comarca, e dos miles de empregos que dela dependen.

A xornada de protesta, que incluíu un paro de dúas horas, comezou pasadas ás 10:30 horas cunha manifestación dende a porta do estaleiro até a rotonda do Diapasón, onde o persoal desenvolveu unha concentración nas proximidades das oficinas de Facenda e procedeu á queima simbólica duns orzamentos que consideran inxustos coa comarca, por canto non recollen ningunha das demandas que garanta o futuro do sector na comarca. Neste liña, a representación dos traballadores/as tamén fixo entrega no rexistro de Facenda dun escrito dirixido ao Ministro deste departamento, Cristóbal Montoro.

O co-voceiro da CIG de Ferrol e membro da Sección Sindical en Navantia, Manel Grandal, denunciaba as complicada situación na que se atopa o sector, agravada polo feito de que a propia “Navantia xa entrou en campaña”. Aínda que tanto o Presidente da empresa pública como o responsábel da SEPI recoñeceron que o dique é rendíbel social e economicamente, continúan adiando unha resposta baixo a escusa dos problemas de financiamento. “Trátase dunha decisión política”, advertía, “pero chocamos contra a estratexia do PP, a quen non lle importa o social, só exclusivamente o económico”.

Nesta liña cualificaba de “esperpénticas” as actuacións do presidente en funcións da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, quen asegurou una día á prensa que estaba disposto a ensinar publicamente os contratos con Pemex, pero ao día seguinte negouse a mostrar estes documentos aos/ás representantes da Cámara galega. “Estamos fartos de que xoguen con nós”, aseverou o sindicalista.

Grandal apuntou que estas actuacións do Partido Popular xa teñen xerado en boa parte da cidadanía de Ferrolterra un sentimento de rexeitamento, “de que non vale todo. Nós o único que fixemos foi descubrir a verdade do contrato, que era con PMI e non con Pemex, e a cidadanía agradece que se lle diga a verdade”. Así apuntou á existencia dun debate social sobre este tema, no que a cidadanía “cre máis en nós que no que di Feijoo ou o PP, porque xa son moitas as promesas que viviu esta comarca”.  De feito, o propio Núñez Feijoo aseguraba o pasado mes de marzo que o dique flotante ía ser unha realidade, mentres que a día de hoxe tenta escapar politicamente desta cuestión.

Pola súa banda, a CIG, ante a convocatoria de eleccións para o día 21 de outubro, ten decidido manter unha actitude activa, “para botar o PP da Xunta de Galiza e apostar por partidos que estean dispostos a facer outro tipo de políticas e a mirar polo tecido industrial do noso País. Esta é unha das batallas que os traballadores e traballadoras tamén temos que levar adiante”.

As protestas continuarán durante a campaña

Nesta liña, as protestas do naval continuarán esta noite, coincidindo co inicio da campaña electoral, na que os traballadores/as xa advertiron que están dispostos a irromper e a incrementar a intensidade das mobilizacións. “Isto é algo que temos claro. Os culpábeis están sinalizados e na súa man está tomar unha decisión”, matizaba Grandal.

Do mesmo xeito, o Comité de Navantia e dos delegados/as das empresas auxiliares continuarán o peche no Concello de Ferrol mentres non se concrete a data de reunión da Comisión de Seguimento do Dique.

O mércores 17 de outubro, as organizacións sindicais teñen convocada unha gran manifestación comarcal, que sairá ás 20:00 horas dende a Praza do Inferniño.

Galería de imaxes da protesta

cig.prensa@galizacig.com