Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 4/10/2013
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

CIG-Saúde da Coruña esixe a apertura inmediata das camas do Hospital Abente y Lago

Unha unidade completa de Medicina Interna (25 camas) que tiña que reabrirse en setembro permanece pechada
A CIG-Saúde da Coruña esixiu a apertura inmediata da Unidade de Medicina Interna do Hospital Abente y Lago, que permanece pechada logo do período estival. A Federación asevera que non existe ningún motivo asistencial que xustifique que o peche destas camas, pois isto tan só supón “un recorte máis” na sanidade pública “que destrúe emprego e precariza a asistencia sanitaria”.

Durante os meses de verán permaneceron pechadas máis de 100 camas na Área Sanitaria de A Coruña,  explica a Secretaria Comarcal da CIG-Saúde, María Seijo.  Este peche afectou tanto a unidades cirúrxicas como médicas: Cirurxía Plástica, Cirurxía Vascular, Xinecoloxía e dúas Unidade de Medicina Interna (48 camas) no Hospital Abente y Lago.

Segundo a información facilitada a mediados de maio pola Xerencia de Xestión Integrada de A Coruña, o período de peche de camas remataba en setembro. Pero a día de hoxe unha Unidade completa de Medicina Interna permanece pechada (25 camas).

“A Xerencia improvisa sobre a marcha argumentado baixa ocupación, non informa axeitadamente sobre o motivo desta prolongación e oculta información aos traballadores e traballadoras”, denuncia Seijo.

Para a CIG-Saúde resulta inxustificábel un peche de camas hospitalarias ao mesmo tempo que aumentan as listas de agarda. Nese senso, sinalan que en xuño de 2012, o tempo medio de espera cirúrxica no Complexo Hospitalario Universitario A Coruña era de 67,7 días, en setembro, despois do descenso de actividade nos meses de verán, este tempo era de 89,8 días. Isto é, incrementárase en 22 días o tempo medio de espera.

Este ano 2013, en xuño,  o tempo medio de espera cirúrxica no Complexo Hospitalario Universitario A Coruña era xa de 71,8 días. “Cal é agora este tempo, despois dos peches do verán é algo que descoñecemos”, advirte a CIG-Saúde. Nin o SERGAS, nin a Xerencia ten facilitada esta información a día de hoxe.

“Pero, se cabe, aínda é máis inxustificábel e dende logo é totalmente irresponsábel que permanezan pechadas 25 camas de Medicina Interna. Como se pode permitir que permanezan pechadas estas camas, ao mesmo tempo que todos os días hai doentes en Urxencias a espera de cama”, pregúntase Seijo.

Para dar conta da situación, a CIG-Saúde indica que o día 1 de outubro, ás 8 horas, 20 doentes pasaran a noite na área de Observación de Urxencias sen cama onde ingresar; o día 2, 23 doentes e o mércores, 3 de outubro, 11 doentes estaban nesta situación. A maiores todos os días da semana, 20 doentes permanecen na Unidade de Preingreso, tamén á espera de cama definitiva.

“A que lle chaman eles baixa ocupación, cal é para eles a normalidade? Teremos que esperar a que se volvan amorear os doentes en urxencias para que tomar a decisión da apertura?”, denuncian. Por iso, a CIG-Saúde esixe a apertura inmediata da Unidade de Medicina Interna do Hospital Abente y Lago, posto que non existe ningún motivo asistencial que xustifique que permaneza pechada.

cig.prensa@galizacig.com