Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 4/11/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Éxito da folga en Lorenzo Froiz

Os traballadores constatan que están dispostos a enfrontarse á represión
A CIG valora moi positivamente o seguimento da folga convocada para este luns día 3 de novembro en Lorenzo Froiz, do Grupo Froiz. Con esta mobilización as traballadoras manifestaron a súa intención de responder con contundencia a todas as agresións e abusos que se produzan por parte da empresa. Nesta ocasión a sanción encuberta á presidenta do Comité Lucía Freire foi interpretada como unha agresión a todas as traballadoras e traballadores o que posibilitou unha participación tan masiva na xornada de folga.

O empresario Angel Lorenzo, socio de Froiz na empresa Lorenzo Froiz presentou querela criminal contra a presidenta do comité por un suposta falsa testemuña. Isto foi entendido por todo o cadro de persoal como un ataque directo a todas as traballadoras/es xa que esta demanda foi presentada por ter ido Lucía Freire de testemuña dunha compañeira sancionada.

Finalmente esta traballadora gañou o xuízo e lle foi retirada a sanción, a partir do que a empresa tomou represalias contra a presidenta do Comité. Con esta actuación o Grupo Froiz pretendía exemplarizar na figura da cabeza visíbel das traballadoras/es para amedrentar ao resto do cadro de persoal dándolles a entender cales serían as consecuencias se intentaran en algún momento cuestionar as actuacións da dirección do grupo.

Esta actitude de Froiz é un salto cara adiante na política de represión sindical, levando ao xulgado do penal cuestións que se deberían solucionar en reunións na propia empresa. “Máxime cando, en primeiro lugar non existe ningún tipo de falsa testemuña e a empresa o sabe e, en segundo lugar, porque estamos fartos de que nos máis de 40 demandas que se lle levan gañado á empresa –nunca se perdeu ningún até o día de hoxe- esta levou testemuñas falsas e mesmo documentación falsa”, explica Inácio Pavón, da executiva comarcal da CIG de Compostela.

Fronte a isto, as traballadoras/es acordaron en asemblea a convocatoria desta folga que se prolongou das 8:00 ás 15:00 horas en todos os centros de traballo da empresa Lorenzo Froiz. Estes centros son catro en Santiago de Compostela e un Brión, afectando en conxunto a unhas 80 traballadoras/es.

A xornada de folga

Desde primeira hora da mañá, un numeroso grupo de delegados e delegadas da CIG no que participaban tamén traballadoras/es en folga formaron piquetes informativos que percorreron os centros de traballo. Catro destes centros non abriron durante todo o tempo que durou a folga a pesar de que, en dous deles, a empresa pretendía abrir con traballadoras doutra empresa do Grupo chegadas de Ordes e con xente en prácticas, vulnerando así o dereito á folga.

O labor dos piquetes impediu que a empresa conseguira o seu obxectivo e á folga sumouse o 100% do persoal destes catro centros. Só un centro de traballo abriu as súas portas pola insolidariedade de oito traballadoras/es, aínda que grazas ao papel dos piquetes informando aos clientes da situación, en toda a mañá non entraron nin 20 persoas a mercar. Isto, malia a importante presenza policial, que dificultou todo o posíbel a acción informativa do piquete.

“Agardamos que a empresa tomara nota da capacidade das traballadoras e traballadores para manterse firmes na defensa da liberdade sindical e exiximos a inmediata retirada da querela criminal contra a presidenta do comité, xa que do contrario continuarán as medidas de presión”, sinala Pavón.

Nos vindeiros días celebraranse novas asembleas para valorar a resposta á folga en cada centro de traballo e decidir as novas accións a emprender. “O que está claro”, afirma Pavón, “é que se a situación non muda, augúrase un Nadal quente nesta empresa”.

cig.prensa@galizacig.com