marco
Vigo, 4/11/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Miguel Malvido, secretario nacional da CIG-Metal, no final da marcha fronte á Xunta.
Francisco Miranda Vigo, portavoz da coordenadora da automoción de CIG-Químicas, intervindo ao final desta marcha.
Xosé Fernández Piñeiro, secretario nacional da FGAMT, na súa intervención final na Praza da Estrela.

Máis de 2.000 persoas mobilízanse en Vigo na defensa do emprego na automoción

Contra a crise no sector
Pasadas as oito e media da tarde comezaba a marcha en defensa do emprego na automoción, convocada pola CIG. Traballadores e traballadoras de empresas do téxtil, do transporte, do metal e de químicas afectados pola crise no sector da automoción estiveron presentes nesta mobilización, para demandar medidas globais para facer fronte ao actual contexto de crise no automóbil, e non actuacións individuais e negativas para a clase traballadora como os expedientes de regulación de emprego.

Máis de 2.000 persoas percorreron o centro de Vigo, desde Via Norte até a Praza da Estrela, para demandar solucións para a automoción, asi como a defensa do emprego neste sector. Representantes sindicais das principais empresas do metal, químicas, téxtil e transporte da CIG estiveron presentes nesta mobilización.

Tamén participou desta marcha o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, que, en declaracións aos medios de comunicación, ao comezo desta manifestación defendeu que " a esta crise hai que darlle unha solución global pola súa dimensión", e rexeitou que no sector da automoción se acepten os expedientes de regulación de emprego "como o xeito máis sinxelo de afrontar a actual situación e sempre dun xeito individual".

Berros contra os ERE

Esta mobilización pretendía tamén sensibilizar á cidadanía sobre a situación de crise que existe no sector. As consignas máis repetidas foron aquelas que facían mención ao rexeitamento dos ERE, aquelas que puñan de manifesto a necesidade da mobilización e da presenza da CIG nas rúas, asi como foron continuas as críticas á crise social, e á necesidade de que pague o capital esta situación e non os traballadores e traballadoras.

Tres intervencións finais

Unha hora despois do inicio desta marcha, a manifestación chegaba á Praza da Estrela, onde tivo lugar o acto final de peche desta mobilización. Neste acto interviron Miguel Malvido, secretario nacional da CIG-Metal, Francisco Miranda, portavoz da coordenadora da automoción de CIG-Químicas, e Xosé Fernández Piñeiro, secretario nacional da FGAMT.