Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 4/11/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Delegados/as das auxiliares concéntranse diante de Navantia en demanda de carga de traballo e na defensa dos empregos

A CIG-Metal de Ferol advirte de que en pouco máis de un ano as empresas poderían quedar sen actividade
Coincidindo coa coa botadura da fragata F-100, delegados e delegadas da CIG das auxiliares do naval concentráronse a primeira hora desta tarde diante das portas de Navantia-Ferrol en demanda de carga de traballo e para visibilizar a crítica situación que rexistra o sector, xa que, advertiron dende a CIG-Metal, está en xogo o propio futuro dos estaleiros. Durante a protesta,a CIG-Metal alertou que en pouco máis dun ano a industria auxiliar podería quedar sen actividade, pondo en perigo a continuidade de máis de 2.000 empregos.

Dende a CIG-Metal de Ferrol amosáronse preocupados polo futuro que agarda aos traballadores e traballadoras das empresas auxiliares diante da ausencia de novos contratos e a proximidade da finalización dos traballos actuais. Esta situación, advirten, levará a que en pouco máis de un ano os estaleiros queden sen carga de traballo e se produzan despedimentos masivos, nunha comarca tan especialmente castigada como a de Ferrolterra.

A concentración que desenvolveron os delegados e delegadas esta tarde, que dá continuidade á mobilización realizada o pasado mes de setembro, coincidía coa botadura da quinta fragata F-100, evento que para a CIG-Metal marca un punto de inflexión no futuro do sector. “A partir de agora asistiremos a un decorrer nos vindeiros meses de botaduras e entregas, pero en pouco máis de un ano os estaleiros quedarán sen traballo”, pois non se están a rexistrar novas contratas e mesmo o presidente de Navantia recoñecía esta mañá as dificultades para conseguir novos pedidos.

A este respecto, dende a Federación do Metal apuntaron ás especificidades dun sector no que dende que se realiza a contratación dun traballo até o inicio efectivo da produción poden pasar anos, polo que, aínda tendo contratos en carteira, os estaleiros poderían verse paralizados. Así, alertan, “a partir de hoxe asistiremos a un goteo de despedimentos nas auxiliares, até que non quede máis que o cadro de persoal da empresa principal, que ademais, xa entrou en infraocupación hai seis meses”. 

A situación do persoal das auxiliares de Navantia agrávase por mor da enorme precariedade que existe, xa que dos arredor de 2.500 traballadores e traballadoras, tan só unha pequena porcentaxe ten contrato indefinido. Este feito facilitaría o desmantelamento de todo o sector dun xeito barato e sinxelo, xa que acadar compromisos de posíbeis saídas para o persoal, como as recolocacións, resultarían moi dificultosos.

Por iso, dende a CIG-Metal de Ferrol advertiron que as mobilizacións continuarán adiante até que non se atope unha solución que garanta a continuidade de todos os postos de traballo.

cig.prensa@galizacig.com