Os representantes da CIG, CCOO e UGT e as Confrarías de Ferrol, Barallobre e Mugardos na Mesa do Plan de Dinamización lembraron que a día de hoxe a Consellaría do Mar aínda non respondeu á solicitude de convocatoria urxente trasladada a pasada semana para abordar a intención de deixar sen efecto dito Plan. Neste senso, un dos voceiros da CIG de Ferrol e integrante da Mesa, Xesús A. López Pintos, criticou que a Consellaría realizase este anuncio a través dos medios de comunicación, sen consultar cos membros da mesma e sen ter en conta as necesidades dos mariscadores e mariscadoras.
Dende sindicatos e os pósitos criticouse o incumprimento por parte do Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, de mediar ante a conselleira do Mar para que convoque a reunión da Mesa do Plan de Dinamización así como o compromiso de abordar no Consello do Goberno o pagamento das contías adebedadas aos mariscadores/as polas tarefas de limpeza da ría, pendentes de cobrar o mes de setembro e oito días de outubro. Este compromiso fora adquirido por Núñez Feijoo o pasado sábado durante o decurso dunha protesta dos traballadores/as nun acto do Partido Popular na Coruña.
Sobre esta cuestión, o voceiro da CIG, denunciou que a Consellaría continúe desoíndo as reivindicacións dos mariscadores/as e pretenda suprimir o Plano cando aínda non se teñen completado as tarefas de saneamento da ría de Ferrol (a máis contaminada de Galiza) e polo tanto non están recuperadas as Zonas C. Cómpre subliñar que o Plan de Dinamización permite aos mariscadores e mariscadoras percibir un salario por realizar tarefas de rexeneración, limpeza da ría e recollida de ameixa das zonas contaminadas para o seu traslado a augas limpas durante os meses do ano nos que teñen prohibido faenar.
“Levamos catro anos co Plano activo e agora a Consellaría quere rematalo sen que a ría estea limpa”, critica. Pintos subliñou a importancia económica da Ría de Ferrol, xa que dela dependen máis de 400 traballos directos. Neste senso, lembrou que estas augas conteñen o maior banco de produción de ameixa do País, que, non obstante, non se pode comercializar en fresco polo grao de toxicidade do marisco.
Participación na manifestación do domingo 6 de novembro
Pola súa banda, o colectivo de mariscadores e mariscadoras continuaron estes días coas mobilizacións en demanda do cobro das débedas polas tarefas de limpeza da ría e para demandar actuacións urxentes que permitan a recuperación das zonas C. Así na noite do xoves levaron as súas protestas ao inicio de campaña do PP, que finalmente acordou suspender a pegada de carteis.
Ademais, o colectivo de mariscadores e mariscadoras participarán o domingo 6 de novembro (portando unha faixa propia) na manifestación comarcal convocada por CIG, CCOO, UGT e USTG en defensa do emprego e do sector naval. A marcha, que se desenvolverá baixo o lema "Polo emprego e o futuro da comarca. O naval é fundamental. Carga de traballo xa!", sairá ás 12:00 do mediodía dende o Inferniño e rematará na Praza de Armas, onde se procederá á lectura dun manifesto.
Do mesmo xeito, as organizacións sindicais da comarca acordaron secundar e apoiar as mobilizacións que os traballadores/as do mar decidan levar adiante en defensa dos seus empregos e para esixir á recuperación integral da ría.