Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 4/12/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Máis de un milleiro de delegados/as da CIG maniféstanse en Compostela por unhas caixas galegas e ao servizo do país

Reclaman un novo modelo de xestión e reiteran a súa negativa ante calquera intento de privatización
Máis dun milleiro de delegados e delegadas da CIG percorreron as rúas de Compostela en defensa do emprego, da galeguidade e do carácter social das caixas. Antes da manifestación os delegados e delegadas participaron nunha asemblea nacional na que Clodomiro Montero, secretario nacional da federación de Banca e Suso Seixo, secretario xeral da CIG, explicaron a situación na que se atopan as caixas galegas e cal é a alternativa da CIG.

Garantir a galeguidade, o carácter social e o emprego nas caixas de aforro eran os obxectivos fundamentais polos que a CIG convocaba esta manifestación de delegados e delegadas, pero non só o emprego directo das caixas, senón tamén nas empresas de servizos que desenvolven a súa actividade para esas entidades.

Lei de Caixas

A eses obxectivos, Suso Seixo, engadiu tamén, na asemblea de delegados celebrada desde as 10:30 horas da mañá até antes mesmo de comezar a manifestación, a exixencia de cambios profundos na Lei de Caixas de Aforro de Galiza, “onde se vai ver” dixo, “até onde son capaces de chegar as forzas políticas deste país”.

Nese sentido, lembrou que por parte do BNG sábese que apostan pola fusión e por impedir que sexan absorbidas e privatizadas. Porén, salientou que o PP e o PSOE están por estabelecer mecanismos que leven cara a súa privatización. Por iso, asegurou que queda por comprobar “se están dispostos a pór os intereses de Galiza e da clase traballadora galega por riba das directrices e dos intereses que marcan os seus partidos a nivel de estado”.

Seixo incidiu especialmente na necesidade de que con esa Lei se mude “radicalmente” a composición dos Consellos de Administración. “Teñen que estar presentes aquelas entidades políticas, sociais e sindicais que sexan realmente representativas neste país e non as que hai hoxe”, subliñou.

Xunto a isto, a CIG entende imprescindíbel que se defina como se elixen os representantes dos impositores -ou sexa, de todos e todas os que teñen cartos nas caixas-, tanto para as Asembleas Xerais como para os Consellos de Administración, “porque hoxe, é un sistema caciquil que non responde realmente nin aos seus intereses, nin son elixidos democraticamente”.

Apoio aos sectores produtivos

Para a CIG, segundo explicou Seixo, ten especial relevancia que se matice o uso que se debe facer cos cartos que xestionan as caixas galegas, non só no que respecta a súa obra social, senón tamén respecto do necesario apoio aos sectores produtivos. “Iso é o que pode xerar postos de traballo e riqueza no nosos país, algo que ten que quedar perfectamente definido”.

Por iso non desbotou a posibilidade de que se teñan que convocar, en breve, novas mobilizacións, máis amplas e abertas á participación de todos e todas as galegas, porque “o debate que se está a dar é moi importante para o noso futuro como país, como clase para que se poidan adoptar medidas de carácter estrutural profundas que senten minimamente as bases dun novo modelo económico e social e de desenvolvemento”.

Respecto deste debate, Clodomiro Montero, resaltou que do que se trata é de definir o futuro do sistema financeiro, “non é un debate de expertos e banqueiros, é un debate central sobre o modelo económico e social que sairá desta crise”.

O secretario nacional de Banca denunciou os millonarios plans de rescate con fondos públicos que se teñen aprobado para salvar o sector financeiro a nivel mundial, advertindo que “o capital quere socializar as perdas e privatizará posteriormente os beneficios”. Liñas de axudas públicas a bancos e caixas que poden chegar aos “2.500 euros por cidadán do estado para salvar entidades que seguirán logo nas mans dos responsábeis da crise”.

Control público e soberanía financeira

Montero destacou que “o sector financeiro é estratéxico para calquera economía, por iso debemos defender a existencia dunha banca pública e, na súa ausencia, ás únicas entidades galegas baixo control público: as caixas de aforros”.

Por iso, a CIG defende o caracter galego destas entidades, un cambio de modelo de xestión que as vincule aos sectores económicos estratéxicos deste país e o seu carácter social fronte a calquera intento de privatización. “Está en xogo”, dicía Montero, “a nosa soberanía financeira e, polo tanto, a nosa soberanía económica”.

Caixas de Aforro vinculadas historicamente á clase obreira

Na súa intervención na asemblea de delegados e delegadas, Clodomiro Montero fixo un percorrido desde a aparición desta entidades até a actualidade. Así, lembrou que no seu nacemento, na Inglaterra do século XIX, as caixas eran entidades vinculadas á nacente clase obreira, concibidas “para favorecer a súa inclusión financeira fronte á gran banca, para retribuír o pequeno aforro das clases populares e para devolver os beneficios en forma de Obra Socio-Cultural”.

Este modelo espallouse rapidamente e administracións públicas, entidades privadas ou organizacións obreiras impulsaron a súa creación por toda Europa. “En Galiza, o propio Alexandre Bóveda”, resaltou, “foi o impulsor da Caixa de Aforros de Pontevedra”.

Montero salientou tamén, que na década dos 80 do século XX, en pleno proceso de descentralización administrativa do Estado, “houbo un consenso social para ligar as Caixas de Aforros ás Comunidades Autónomas, para que exerceran o papel dunha banca local”. De feito, o propio Estatuto de Autonomía de Galiza recolle o control das Caixas de Aforro Galegas “entre as poucas materias con competencia exclusiva da Comunidade” dixo.

O secretario nacional de Banca explicou que, na actualidade, as caixas representan o 50% do sistema financeiro galego, grazas á confianza de xeracións de galegos/as e non teñen accionistas, nin son dos seus xestores, “son o maior patrimonio empresarial de toda Galiza”.

Ademais destacou que mentres os beneficios da gran banca repercuten sempre nos petos dos seus executivos e, ás veces, nos petos dos seus accionistas, “os beneficios das Caixas retornan anualmente á sociedade como Obra Social”. De feito, sinalou que nos últimos cinco anos , Caixa Galicia e Caixanova dedicaron 700 millóns de euros neste concepto”.

Privatización e precarización

Clodomiro Montero alertou do camiño que se vén seguindo na UE -seguindo as directrices do FMI- onde se están a impulsar políticas privatizadoras que xa levaron á desaparición das caixas de aforros en Francia, Italia e nos países Baixos tras da súa previa concentración. “Non cabe banca pública nin entidades baixo control público nun sistema neoliberal”, afirmou.

Seguindo a mesma senda, explicou Montero, no ano 2004, o goberno Aznar aprobou a Lei Financeira, que regulou por primeira vez as fusións entre caixas de diferentes comunidades autónomas e as cotas participativas, instrumento que cotiza en bolsa e dá un paso cara á privatización.

O pasado mes de xuño, aproveitando a debilidade das caixas, por mor da implicación destas entidades nas políticas especulativas e á crise inmobiliaria, O PSOE, co apoio do PP, puxo en marcha unha reconversión por decreto a través do FROB (Fondo de Restruturación ordenada do sistema bancario). Un decreto que favorece a concentración das Caixas de Aforros, mesmo con fusións entre distintas comunidades perdendo a súa ligazón territorial, para facilitar un segundo paso cara a privatización das mesmas.

cig.prensa@galizacig.com