O secretario Nacional da CIG-Servizos, Paulo Rubido, valoraba a primeira hora desta mañá de xeito moi negativo o preacordo, xa que se trata dun texto inferior ao da provincia de Pontevedra, cuxo resultado queda moi por debaixo da plataforma unitaria que se presentou na Mesa. A respecto das condicións negociadas, Rubido explicaba que, se ben é certo que o incremento económico supera inicialmente ao de Pontevedra, o convenio carece de promoción profesional e unicamente se estabelece un plus que compensa esa falta de promoción pero que resulta discriminatorio, xa que só afecta a dúas categorías do convenio (caixeiros e dependentes) excluíndo ao resto de categorías.
“Hai colectivos dentro deste convenio que quedan claramente discriminados. É un convenio globalmente inferior ao de Pontevedra e inasumíbel tendo en conta o esforzo realizado durante a folga. Nótase que na provincia de A Coruña manda Gadis, que nesta mesa mantivo todo o tempo unha postura moi prepotente”, subliñaba o responsábel da CIG-Servizos.
Esforzo das/os traballadoras/es na folga
Dende a CIG-Servizos subliñouse a forza amosada polos traballadores e as traballadoras do sector durante a folga e agradeceuse o esforzo realizado, minusvalorado pola decisión tomada por UGT e CCOO de asinar este preacordo. A estratexia da central nacionalista ía encamiñada a manter a presión para acadar cando menos un convenio que iguala as condicións do persoal da provincia de A Coruña ao de Pontevedra, co obxecto de chegar no futuro a un convenio de ámbito galego e non provincial, tal e como xa aparece recollido no articulado dos actuais convenios.
Nesta liña, a CIG apostaba por ir á folga indefinida a partir do 9 de decembro, con paros os días 9 e 10 só nos almacéns e folga nas tendas o día 1. Posteriormente, doutra volta paros nos almacéns o 19, 21 e 22 de decembro e nos estabelecementos os días 23 e 24. Coa prolongación dos paros nos almacéns pretendíase un desabastecemento xeneralizado de supermercados e tendas e así presionar definitivamente á patronal. Ademais, establecérase a creación dun bono-axuda para compensar aos traballadores/as dos almacéns (xa que tiñan máis días de folga).
Porén, CCOO e UGT negáronse a aceptar esta proposta “por covardía, co que se chegou á mesa de negociación sen ningún tipo de mecanismo de presión”, criticaba Rubido.
Á espera de coñecer o resultado das asembleas de traballadores e traballadoras do sector, a posición inicial da CIG é non asinar este convenio provincial por insuficiente.