“Ningún despido en Sykes” é o lema baixo o que a CIG vén de convocar tres xornadas de paro e varias concentracións na multinacional do telemárketing asentada no Polígono de Agrela, logo de que hai unhas semanas anunciase a súa intención de proceder ao despedimento de 308 persoas, a metade do actual cadro de persoal.
Os paros desenvolveranse os días 9, 15 e 23 de febreiro de doce a doce e media e dende as seis da tarde até as seis e media, e estarán acompañadas de ruidosas concentracións diante da porta da empresa.
A medida de protesta adoptouse diante da ruptura das negociacións decretada de xeito unilateral pola empresa e co obxecto de promover un Plano de Emprego e de Futuro que permita manter o actual cadro de persoal, uns 600 traballadores/as.
ERE encuberto
Sykes Enterprises comunicou o inicio de despedimentos masivos como resposta a unha suposta baixada na contratación dos servizos de atención telefónica que presta a Vodafone, despedimentos que pretende amortizar dun xeito barato mediante baixas incentivadas e que afectarían a 128 persoas. A maiores, a multinacional anunciou o peche do servizo 1004 de Telefónica, que suporía o despedimento doutras 180 persoas.
Para a CIG queda patente que nos atopamos diante dun despedimento colectivo para facilitar a deslocalización do centro de traballo, discriminando, ademais, os/as afectados/as polo peche do servizo 1004 dos traballadores/as de Vodafone. Por este motivo, dende a central esixiuse á Sykes que presente a documentación precisa para a negociación transparente dun ERE destas características. Non obstante, a resposta da empresa limitouse á ruptura unilateral das mesas de negociación.
A CIG advirte que non vai tolerar ningún despedimento en Sykes e levara a cabo todas as mobilizacións que sexan precisas para garantir a continuidade do emprego. Así mesmo, a CIG esixe a actuación inmediata da Xunta de Galiza diante deste novo abuso.