A CIG, que forma parte da plataforma, xa aprobou o 16 de xaneiro, no seu V Congreso, unha resolución na que se amosa o rexeitamento da central á pretensión de marxinar a Pontevedra nos investimentos da sanidade pública, manifestando a rotunda oposición á proposta do PP de construír un novo hospital en Monte Carrasco con financiamento e xestión privada e exixindo que, con carácter inmediato, se iniciaran as obras para facer realidade o Hospital Único, plenamente público, mediante a ampliación de Montecelo.
Na plataforma, alén da CIG, están integrados os concellos de Pontevedra, Poio, Marín, Caldas de Reis, Cotobade, Vilaboa, Bueu, O Grove, Vilagarcía, Illa de Arousa, Cuntis, Catoira e Moraña; a Asociación Galega en Defensa da Sanidade Pública; a UGT; a Federación de Asociacións de Veciños ‘Castelao’ e a federación de Asociacións de Veciños ‘Teucro’; o BNG e o PSOE.
Manifesto da Plataforma Contra a Privatización e polo Hospital Único de Pontevedra
No mes de setembro do pasado ano, a Xunta de Galicia fixo pública a súa decisión de privatizar a atención hospitalaria en Pontevedra coa iniciativa de construír un novo hospital en Monte Carrasco e de paralizar drasticamente os avanzados plans de ampliación do hospital público de Montecelo, que prevían o inicio das obras xa nese mesmo ano de 2009.
Esta Plataforma, composta por entidades representativas da sociedade civil pontevedresa, nace para reclamar a continuación dos plans de creación do Hospital Único de Pontevedra mediante a ampliación de Montecelo, en base aos seguintes argumentos:
Marxinan a Pontevedra. A decisión de construír un novo hospital en Monte Carrasco e paralizar a ampliación de Montecelo, supón un novo ataque a Pontevedra, xa que se frean os investimentos públicos de 100 millóns de euros xa consignados para Montecelo. En pouco tempo, ademais de suspender a ampliación do hospital, a Xunta paralizou a actividade asistencial de tarde do Complexo Hospitalario e anulou a creación de 61 prazas de Atención Primaria na Área Sanitaria de Pontevedra Norte.
Despilfarro de Diñeiro. Nos últimos anos investíronse en Montecelo máis de 54 millóns de euros, polo que grandes áreas do actual hospital son completamente novas.
Un Novo Retraso. A paralización da ampliación do hospital público de Montecelo supón un novo retraso. As mobilizacións dos últimos anos conseguiron que a Xunta planificase a renovación integral e ampliación de Montecelo con financiamento totalmente público grazas ao consenso de todas as administracións. Ese consenso se iniciou na anterior etapa do PP na Xunta de Galicia, sendo Conselleiro de Sanidade o actual xerente do Complexo Hospitalario, cando o mesmo PP que agora insiste en descartar a ampliación de Montecelo, rexeitou teimudamente construír un novo hospital nun emprazamento diferente a Montecelo.
Esforzos Inútiles. Os importantísimos investimentos feitos nas fases previas á ampliación de Montecelo, a punto de rematarse, semella que foron de balde. As expropiacións están definidas, os plans de acceso xa comezaron a executarse, as melloras do abastecemento están marcha, e no Novo Plan Xeral de Ordenación Municipal existe unha reserva de 300.000 m2 anexos a Montecelo que garanten que non haberá problemas para futuras ampliacións, e a construción dos edificios da ampliación estaba a piques de comezar.
Desprezo da Lealdade Institucional. En maio de 2005 e xuño de 2009 as institucións (SERGAS, Deputación e Concello) asinaron convenios para ampliación de Montecelo. En decembro de 2009, a Xunta decide iniciar en solitario o proceso dun novo hospital recorrendo ao financiamento e a xestión privada, creando incerteza entre todos os afectados e suspendendo toda a planificación realizada e provocando a controversia social.
En Montecelo non poderían privatizar tanto. É moito máis doado privatizar un novo hospital que facelo coa ampliación de Montecelo, pois este é un hospital plenamente público. O financiamento, construción e xestión do novo hospital que pretenden facer, vai poñerse en mans dun consorcio privado de grandes construtoras, aseguradoras e bancos, a quen o SERGAS deberá pagar un “canon” durante 20 anos por poder usar as instalacións do novo hospital. Trascorridos eses 20 anos, cando o novo hospital estea en boa medida obsoleto, o SERGAS será finalmente o seu propietario mais, daquela, os custes totais multiplicarán por 6 o que tería costado ese hospital de terse feito con financiamento e xestión plenamente pública.
Madrid e Valencia, os modelos. O novo hospital importa a experiencia do PP nestas comunidades. O resultado empeora a calidade asistencial, o mantemento dos edificios, o equipamento sanitario, e as condicións laborais dos traballadores e traballadoras. Só se benefician os propietarios do consorcio que se faga cargo do financiamento, construción e xestión do novo hospital, para os que se abre un suculento negocio a costa do erario Público. Fronte á privatización, HOSPITAL ÚNICO E PÚBLICO EN MONTECELO XÁ !!! Pontevedra, 1 de febreiro de 2010
RESOLUCIÓN DO CONGRESO COMARCAL DA CIG DE PONTEVEDRA SOBRE O HOSPITAL ÚNICO
En contra da privatización do novo Hospital Único de Pontevedra, e en defensa do inicio inmediato das obras de ampliación de Montecelo.
A área sanitaria de Pontevedra ten un déficit histórico de infraestruturas sanitarias. Esta situación estaba, a principios do ano 2009, a piques de mellorar ostensibelmente despois de que a xusta reivindicación da cidadanía de Pontevedra de contar cun Hospital Único, que puidera cubrir dun xeito acaído as necesidades de atención sanitaria especializada da área, se concretara nun acordo entre o SERGAS, o Concello de Pontevedra e a Deputación, para facer por fin realidade o Hospital Único mediante a ampliación de Montecelo.
Malia que a anterior administración sanitaria non foi precisamente dilixente á hora de dinamizar a construción do novo hospital e tratou de agachar este feito cun uso abusivo da publicidade e a propaganda, a realidade era que a principios de 2009, o proxecto de Hospital Único en Montecelo:
Porén, durante o mes de agosto de 2009, o novo goberno do PP desmarcouse do proxecto e decidiu unilateralmente que vai construír un novo hospital en Monte Carrasco que, pouco tempo despois, ficou claro por declaracións dos novos responsábeis da Xunta que será financiado, construído, e xestionado mediante o denominado sistema de “Iniciativa de Financiamento Privado” (PFI), unha formula para construír novos hospitais que, con resultados desastrosos, utilizou Margaret Thatcher no Reino Unido e que desde hai uns poucos anos, o PP está utilizando, con resultados igualmente desastrosos para os cidadáns, en Madrid e en Valencia.
¿PORQUE O PP PROPÓN AGORA A CONSTRUCIÓN DUN NOVO HOSPITAL EN MONTE CARRASCO CON FINANCIAMENTO PRIVADO?
Para gañar tempo, reducir gastos, e tentar presentar como algo “positivo” a decisión política tomada polo PP de non cumprir cos compromisos de investimentos en infraestruturas sanitarias con Pontevedra que a administración sanitaria anterior tiña establecido. Estes compromisos implicaban o inicio das obras do novo hospital antes de que rematara o ano 2009, estando o seu financiamento plenamente garantido a través da Sociedade Pública de Investimentos (todos os aspectos legais estaban rematados) e estaba previsto, e era perfectamente factible, que as obras comezaran antes de finalizar este ano.
Para avanzar no cumprimento do programa sanitario real do PP, que ten como elemento central abrir o mercado sanitario ao negocio privado, fomentando a privatización e o deterioro progresivo da sanidade pública. O novo hospital de Pontevedra que proxecta o PP será basicamente financiado por empresas privadas, ao través da denominado “Iniciativa de Financiamento Privado” (PFI, nas súas siglas en inglés) coas nefastas consecuencias que logo analizaremos
Para beneficiar, entre outros, aos seus amigos os empresarios da construción que farán un saboroso negocio coa edificación do novo hospital e que logo, como demostra a experiencia de Inglaterra, de Madrid e de Valencia, seguirán facendo negocio dentro do novo hospital pois se reservarán a explotación e a xestión das áreas non estritamente sanitarias do novo hospital (mantemento, subministros, almacén, aparcamento, cafetería, limpeza, lavandería,...) e, posibelmente tamén algunhas das sanitarias (esterilización, radioloxía e microbioloxía), como sucede nos novos hospitais madrileños construídos co modelo de PFI.
¿QUE CONSECUENCIAS TERÁ A DECISIÓN DE PARALIZAR A AMPLIACIÓN DE MONTECELO E CONSTRUIR O NOVO HOSPITAL EN MONTE CARRASCO?
O Hospital Único mediante a ampliación de Montecelo, ia ser plenamente público tanto no súa financiamento como na súa xestión e, aínda no caso, mais que dubidoso, de que o novo hospital en Monte Carrasco se constrúa nos prazos e cun número de camas similar ao do proxecto de ampliación de Montecelo, a decisión unilateral do PP de paralizar este proxecto e construír o novo hospital en Monte Carrasco co modelo PFI, como demostra amplamente a experiencia inglesa, valenciana e madrileña, terá como consecuencias:
Por todos estes motivos, o Congreso Comarcal da CIG de Pontevedra
- rexeita que se pretenda marxinar, unha vez máis, a Pontevedra nos investimentos da sanidade pública,
- oponse rotundamente á proposta do PP de construír un novo hospital en Monte Carrasco con financiamento e xestión privada, e
- esixe que, con carácter inmediato, se inicien as obras para facer realidade o Hospital Único, plenamente público, mediante a ampliación de Montecelo.
Pontevedra, 16 de xaneiro de 2010