Tanto en Vigo como en Pontevedra, e acompañados de delegados e delegadas da CIG destas dúas unións comarcais tiñan lugar dúas mobilizacións pola defensa do emprego en Alfageme e contra a especulación e a nefasta xestión da familia Lago nesta conserveira.
Manifestación de Vigo
Ás doce da mañá saía da Via Norte unha mobilización de máis de 600 persoas, nesta xornada de folga e despois da asemblea de delegados/as da CIG de Vigo nos Capuchinos. A manifestación rematou na Praza da Estrela, fronte á Subdelegación da Xunta nesta cidade.
Suso Seixo, secretario xeral da CIG, estivo presente nesta mobilización e declarou diante dos medios de comunicación que "é difícil de entender que unha fábrica coa tradición que ten Alfageme, pois que non se estean a tomar medidas máis serias de conservación dos postos de traballo, que pasan por modificar a actual xestión da mesma".
"Nos entendemos que a empresa ten futuro e mercado, o que pasa é que a xestión que se fixo aí foi nefasta, e polo tanto o que teñen que facer é ceder o sitio a aqueles que se poñan a fronte dela que estean realmente en disposición de facela competitiva e de manter os postos de traballo", engadiu.
Manifestación en Pontevedra
As traballadoras de Ribadumia manifestaronse en Pontevedra, xunto a delegados e delegadas da CIG desta unión comarcal, desde o Pazo de Congresos até a Delegación da Xunta nesta cidade.
Rosa Abuín, da FGAMT-CIG, criticou a pasividade da Xunta e o incumprimento da responsabilidade do goberno do PP, xa que "o único que fixo este goberno foi parchear cun aval para desmobilizar as traballadoras/es na súa loita, porque o conflito lles molesta na rúa".
Na segunda semana de febreiro achegaranse até Compostela, ao Parlamento galego, xa que o BNG presentou unha pregunta parlamentar ao redor da xestión que está a facer a Xunta no conflito de Alfageme.
Máis imaxes
Podedes visualizar un total de vinte imaxes desta mobilización na galería de imaxes da nosa web, ou directamente nesta ligazón.