Logo do condicionamento da continuidade das negociacións á suspensión da folga e partindo dos termos do preacordo acadado na fin de semana, feitos anunciados pola patronal en rolda de prensa, os traballadores e as traballadoras das instalacións deportivas continúan secundando o paro e as mobilizacións na procura dun convenio galego que dignifique as súas condicións laborais. De feito, nesta cuarta xornada a folga volveu rexistrar un elevado seguimento, acadando máis dun 80% de participación, e con numerosos centros pechados.
Tamén na mañá deste xoves, centos de traballadores/as en folga de toda a provincia de A Coruña trasladáronse até as rúas de Ferrol para participar nunha manifestación que chegou até as portas do Concello, onde reiteraron as súas demandas.
A protesta prodúcese un día despois da xuntanza mantida entre os clubes deportivos, auspiciada por un edil ferrolán do grupo independente, co obxecto de retomar a actividade nos centros, a pesar do acordo da cámara municipal de manter pechadas as instalacións mentres dure a folga. Ante esta provocación, os traballadores e traballadoras desenvolveron unha concentración diante do pavillón de Caranza onde tiña lugar o encontro.
Convocatoria de asembleas
Entrementres, a patronal continúa instalada no seu inmobilismo e negándose a manter unha xuntanza nas mesas de negociación. Diante deste silenzo, os traballadores e traballadoras das provincias de Pontevedra, Lugo e A Coruña están chamados a participar nas asembleas que o venres se van celebrar nas distintas cidades para avaliar esta primeira semana de folga e estudar as accións a levar a cabo nos vindeiros días, así como as medidas a adoptar se a asociación de empresas do sector decide manter o seu mutismo ou, como supoñen algúns rumores, anuncian a súa autodisolución.
Neste senso cabe lembrar que o sector das instalacións deportivas vén mobilizándose dende hai máis de tres anos en demanda da negociación dun convenio colectivo. Hai dous anos, os traballadores e as traballadoras da provincia de A Coruña xa realizaran unha convocatoria de folga para acadar un convenio provincial.
En febreiro de 2008 constituíuse a mesa negociadora para tratar que ese convenio tivese aplicación en toda Galiza e incluía non só ás instalacións deportivas, senón ao sector de espectáculos e deportes. Por fin, en maio do ano pasado conseguise a constitución de dúas mesas negociadoras diferentes: unha para centros deportivos e outra para espectáculos e eventos. Nesta última, producíronse certos avances, pero na de instalacións a negociación está atrancada e as empresas non son quen de asumir unha proposta que permita satisfacer as demandas deste colectivo de traballadores/as.