Serafín Otero, secretario comarcal da CIG de Vigo, comezou esta asemblea comarcal sinalando que "comezamos un ano no que imos ter un escenario de crise, coas negativas consecuencias que está ter nas condicións de vida e de traballo das traballadoras e traballadores".
Asi, fixo referencia ás "preocupantes" cifras do paro, que chegou á cifra de 231.000 desempregados/as en todo o país, e en Vigo se está a chegar á cifra de 30.000, e no conxunto da comarca aos 60.000. Lembrou tamén que os expedientes aumentaron considerabelmtente, e de todos os ERE's, entre un 60 e un 65%, pertencen á comarca de Vigo, e moitos deles son de extinción.
Conflitos da comarca
O secretario comarcal tamén criticou os recortes de dereitos sociais que se queren dar, e salientou algúns dos conflitos que se están a dar na comarca como a defensa dos servizos sociais, a loita contra a privatización do Consorcio e o peche das oficinas de I+B, o ERE de extinción para Cruz Vermella, a folga indefinida nas instalacións deportivas, as mobilizacións contra a privatización da sanidade pública, ou o caso da empresa Indeza, que presentou un ERE de extinción para 43 traballadores mentres está a subcontratar ilegalmente man de obra barata.
Por último, Otero destacou a importancia do proceso de eleccións sindicais que comeza este ano, e fixo un chamamento a realizar un especial esforzo "para continuarmos a ser os máis representativos da comarca".
Fusión das caixas
Clodomiro Montero, secretario nacional da CIG-Banca, interveu despois para tratar a cuestión da fusión das caixas de aforro. En primeiro lugar, recordou que con este debate o que se está a dar por detrás é unha tentativa de privatización e desterritorialización das caixas, asi como lembrou que a CIG " o primeiro que defende son os 8.000 postos de traballo que están en xogo".
"O Ministerio de Economia e o Banco de España a través do Decreto 9/2009 do FROB deseñaron unha norma que obriga ás caixas a fusionarse, e esta é unha medida do goberno de ZP apoiada polo PP", engadiu.
Montero criticou a posibilidade do SIP, xa que "suporía unha privatización", e relatou que 200 traballadores/as dos servizos centrais de Caixanova van ter que pasar a oficinas.
"A CIG defende unha fusión paritaria das caixas galegas", rematou o secretario nacional da Federación da Banca da CIG.
Decreto do galego
Marta Dacosta, da Executiva Nacional da CIG-Ensino, abordou na súa intervención o "ano de mobilización importante que temos por diante parar este atentando contra o idioma e contra o país que é Galiza, que supón o decreto do galego".
Dacosta fixo referencia á histórica mobilización da folga do ensino do pasado 21 de xaneiro que ateigou Compostela, e agradeceu á CIG "o seu esforzo, tanto polo capital humano como pola capacidade de mobilización, que conseguiu que sairan da comarca de Vigo 32 autobuses e moitas máis persoas que foron nos seus coches".
A continuación, Marta Dacosta expuxo todo un argumentario contra este decreto que "é unha manobra feita de costas á sociedade galega, amparándose nunha demanda que non existe, e que abriría un conflito nos centros escolares, entre pais, nais, e entre o profesorado. Nunha situación deste tipo, quen perdería sería o noso idioma, o galego".
Reclamou o apoio dos delegados e delegadas da CIG nesta loira, "xa que non é unha cuestión exclusiva do ensino", e informou da próxima iniciativa de Queremos Galego que consistirá nunha ILP, pola que haberá que realizar unha importante recollida de sinaturas.
Contra a privatización da sanidade
Manuel González Moreira, da Executiva Nacional da CIG-Saúde, deu conta da batalla contra a privatización da sanidade pública, que tamén "nos implica a todos e todas".
"En Vigo o PP deu pasos para privatizar a sanidade, e se ese ataque comezou en Vigo, a súa defensa tamén", en referencia ás importantes mobilizacións que se están a dar contra a privatización do novo hospital de Vigo.
Moreira explicou en que consistiría esta colaboración do capital privado para a construción da sanidade pública, asi como as consecuencias que tería este proceso, xa que xa existen exemplos do que acontece neste tipo de privatizacións tanto en Europa como no Estado español cos casos de Madrid e Valencia, tamén gobernados polo PP.
Manuel González criticou esta decisión política do PP "porque incrementará custes, hipotecará os orzamentos do Sergas, e terá consecuencias tanto na calidade asistencial como nas condicións laborais dos traballadores/as". Tamén rexeitou o anuncio realizado pola Sanidade de que os servizos non sanitarios do novo hospital sexan de xestión privada.
Por último, informou da situación do conflito da Cruz Vermella, e da convocatoria dunha manifestación da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Vigo, que terá lugar o 24 de febreiro ás 20 desde o Hospital Xeral.
Asemblea de parados do naval
Artur Mouco, portavoz da asemblea de parados do naval, foi a seguinte persoa en intervir para dar a coñecer as súas accións e reivindicacións.
"Repartimos 25.000 follas informativas á cidadania, explicando as nosas demandas e tivemos moi boa acollida", relataba, e "despois de petar en moitas portas, na Xunta e na Inspección, demandando a regulación da contratación, que non se subcontrate ilegalmente man de obra barata, decidimos pecharnos en Barreras, ocupando a enfermeria, da que nos desaloxaron pola noite e como se foramos terroristas.
Mouco explicou tamén a xornada de solidariedade do mércores 3 de febreiro, no que cesaron a súa actividade os estaleiros da zona de Barreras e Freire, e falou da grave situación que atravesa o sector, "gobernada por unha maioría de mercenarios aos que só lles interesa a man de obra barata".
Intervención de Suso Seixo
O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, foi a seguinte persoa en tomar a palabra nesta asemblea, para presentar o documento de alternativas fronte a crise.
Seixo manifestou as graves consecuencias que está a ter esta crise "que provoca un paro moi preocupante no noso país, políticas de deslocalización que reducen emprego, política de redución de salarios e de redución de gasto público e nos servizos sociais básicos".
"A crise incide nas nosas condicións de vida e de traballo, e isto a quen debilita é aos traballadores e afortala aos empresarios, polo que dificulta a nosa posición na defensa dos intereses da clase traballadora", engadía.
O secretario xeral da CIG incidiu nas causas que levaron a esta crise que foron a desregulación do sector financeiro, o fomento da economia especulativa, e todo o que ten que ver co desigual reparto da riqueza como a contención salarial e a perda de poder adquisitivo. "Este tipo de economia foi a que se protexeu e fomentou desde os gobernos, polo que non van ser agora os que promoveron este estado de cousas os que vaian combater a crise", sinalou.
Seixo criticou tamén a proposta do FMI de reducir os salarios no Estado Español, asi como as posíbeis reformas do mercado laboral, e a proposta "vergoñenta" de pospoñer a idade de xubilación aos 67 anos.
Elaboración de alternativas
Sobre o contido do documento confederal de alternativas destacou a necesidade de establecer un control financeiro real, poñer en valor o público fronte ao privado, ir á emprego de calidade e fixo, mellorar as rendas e salarios, recuperar o consumo, unha mudanza da política fiscal, asi como a persecución ao fraude fiscal, rematar cos paraísos fiscais e defender a banca pública.
Sobre as mesas de diálogo social, o secretario xeral da CIG subliñou que "non quixemos incorporarnos porque é unha trampa, xa que non estamos a falar dun espazo neutral, e non se poden xerar expectativas de que se está a negociar algo aí, cando desas mesas non van sair propostas beneficiosas para a clase traballadora".
Por último, Seixo realizou un chamamento á mobilización e á protesta, xa que "desta crise pode saírse con políticas estruturais que leven a un modelo económico e social máis xusto e solidario, ou podemos saír baixo un modelo de capitalismo máis duro. Os traballadores e traballadoras somos os únicos que podemos condicionar aos gobernos coas nosas mobilizacións e coa nosa prática: está nas nosas mans esta mudanza".
Conflito polos despedimentos da limpeza no Alcampo
Tránsito Fernández, secretaria comarcal da CIG-Servizos de Vigo, interveu nesta asemblea para dar a coñecer o conflito que se está a vivir no Alcampo de Coia polo despedimento de doce empregados que traballaban para unha adxudicataria do servizo da limpeza deste centro comercial, e que foron substituidos por outra empresa, que non admitiu a súa subrogación "porque é un centro especial de emprego e decidiu traer ao seu propio persoal, porque lles saía máis barato, deixando na rúa a mulleres e homes con antigüidade nesta empresa de máis de 15 anos e até 26 anos neste sector".
A secretaria comarcal da CIG-Servizos realizou un chamamento á asemblea, para reclamar a súa solidariedade neste conflito, e fixo fincapé na necesidade de pular pola folga xeral.
A loita de Alfageme
Xosé Fernández Piñeiro, secretario nacional da FGAMT-CIG, interveu en último lugar para explicar en que consiste a loita das traballadoras e traballadores de Alfageme, que conta con 4 centros de traballo na provincia, e do que dependen máis de 350 familias, polo que destacou a súa importancia.
Ás doce da mañá remataba esta asemblea para acudir á mobilización das traballadoras de Alfageme de Vigo, en folga este 4 de febreiro.