marco
Compostela, 4/3/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG-Ensino responde ás declaracións do PP contra a nosa lingua no ensino

Lembran que o galego continúa sen gozar no noso País dos mesmos dereitos que o español
A CIG-Ensino vén de emitir un comunicado diante da actitude belixerante contra o galego, manifestada polo secretario xeral do PP e próximo presidente da Xunta de Galiza “que chegou a anunciar a futura derrogación do Decreto 124/07 de uso e promoción da lingua galega no ensino”. A executiva da CIG-Ensino manifestou que “o futuro presidente ten a obriga de desistir das súas intencións, por seren estas impropias de quen di que quere ser o presidente de todos os galegos e galegas, do contrario a CIG-Ensino reactivaría accións e iniciativas no ámbito do ensino para impedir esta agresión ao noso idioma”.

A continuación transcribimos o comunicado da CIG-Ensino:

“Diante da actitude belixerante contra o galego, manifestada polo secretario xeral do PP e próximo presidente da Xunta de Galiza que chegou a anunciar a futura derrogación do Decreto 124/07 de uso e promoción da lingua galega no ensino, a executiva da CIG-Ensino acordou, na reunión mantida hoxe, día 4 de marzo, manifestar o seguinte:

1.- Sería inaudito e a primeira vez na historia que un presidente dun país, que acaba de ser electo, anuncie como primeira medida a tomar unha proposta en contra da lingua propia, malia estar totalmente marxinada no sistema educativo e cuns índices mínimos en canto ao seu uso.

2.- Alén do uso electoralista que se fixo dunha fabulada persecución da lingua forte, o español, invertendo a realidade, o PP marca como obxectivo no seu propio programa acadar un ensino trilingüe. Como se entende entón que se queira derrogar un decreto que o único que estabelece é que o 50% das materias se impartan na lingua galega e que o alumnado acade a mesma competencia en galego que en castelán, ao remate dos seus estudos.

3.- Pretende confundir a sociedade, apelando, demagoxicamente, á liberdade, cando o noso idioma non goza dos mesmos dereitos na Galiza que ten o Español. Todos sabemos que a aprendizaxe no noso idioma estivo proscrito e perseguido durante séculos e que, historicamente, é o único idioma asoballado e discriminado

4.- Todos os docentes sabemos que mesmo aquel alumnado que recibe maioritariamente a docencia en Galego, unha minoría insignificante, remata os estudos con máis competencia en español que en galego e que a escola é un espazo de desgaleguización tal e como o proban as estatísticas que constatan que hai un maior número de alumnado que entra falando en galego que o que sae falando na nosa lingua.

5.- Un presidente dun país non pode borrar os sinais de identidade máis importantes que ten ese país, comezando por derrogar as normas que tratan de amparalos e promovelos. O noso idioma, sinal fundamental de identidade, é usado por un 40% menos de mozos e mozas que a xeración dos seus avós, polo que só desde posicións que perseguen a súa desaparición se pode entender que a única lexislación existente que vela pola súa normalización se abandone á lei do máis forte, sobre todo se temos en conta que esta lexislación só aspira a que a nosa lingua chegue ao 50% das materias

6.- Só desde unha perspectiva antigalega e unha mente colonizada se pode ver como un demérito a presenza da nosa lingua, a non ser que se pretenda a súa desaparición

7.- Que non se esqueza que o Parlamento galego aprobou por unanimidade, tendo o PP maioría absoluta, co voto favorábel de Núñez Feijoo como parlamentario e vicepresidente da Xunta nese momento, o Plano de Normalización Lingüística que recolle nas medidas 2.1.26 á 2.1.30 que “como mínimo, o alumnado reciba o 50% da súa docencia en galego”

A CIG-Ensino quere facer público que o futuro presidente ten a obriga de desistir das súas intencións, por seren estas impropias de quen di que quere ser o presidente de todos os galegos e galegas, do contrario a CIG-Ensino reactivaría accións e iniciativas no ámbito do ensino para impedir esta agresión ao noso idioma”.

Anxo Louzao Rodríguez

Secretario Nacional da CIG-ENSINO