“Por un modelo económico novo, xusto e solidario” e “8 horas traballando, 8 horas para durmir e 8 horas para a nosa vida persoal e familiar”, son os lemas escollidos para a campaña que vai desenvolver a CIG-Muller con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller Traballora. María do Carme López Santamariña, secretaria de CIG-Muller, e Natividad López Gromaz, responsábel do Gabinete Técnico da central, foron as encargadas de dar a coñecer os actos da campaña e o informe que a CIG elaborou sobre as condicións socio laborais das mulleres na Galiza.
“Esta data é unha data simbólica, que reflicte todo o traballo levado a cabo pola central durante o ano, na loita pola necesidade de pular polo dereito das mulleres, e as obrigas dos homes, para compartir e compatibilizar o traballo no fogar”, apuntou Maricarme López. A secretaria da muller tamén se referiu a actual situación de crise económica, unha situación “á que nos ten levado o modelo existente” a avogou pola necesidade de achegar alternativas que permitan á poboación en xeral e ás mulleres en particular vivir e traballar nunhas condicións dignas.
Entrega dos Premios 8 de Marzo
Dentro do marco de actos organizados pola CIG-Muller, o vindeiro 6 de marzo vaise levar a cabo en Compostela a entrega do “Premio 8 de Marzo”. Con este acto preténdese “recoñecer o traballo levado a cabo por mulleres, comités de empresa, xuntas de persoal, delegadas, etc Grupos de mulleres que durante o ano pasado destacaron pola súa loita e demostrarlles así o noso recoñecemento e admiración”, explicou Maricarmen López.
Ademais, están previstos actos en case todas as comarcas que irán dende xornadas de formación, charlas-coloquio, dúas exposicións até as mobilizacións en varias localidades, a desenvolver o venres 6 de marzo e o propio día 8. Para consultar o programa completo de actos só tes que descargar o documento anexado ao final desta nova.
Informe muller e traballo 2008
Pola súa banda, a responsábel do Gabinete Técnico da CIG, Natividad López, presentou o informe anual elaborado polo departamento confederal no se analiza a situación socio-laboral da muller na Galiza, do que se desprende que a maior incorporación da muller ao mercado de traballo en tempos de crise débese á perda do que se pode denominar o salario principal do fogar, por mor das altas taxas de destrución de emprego masculino nos sectores da construción e automoción, principalmente. “As mulleres vense na obriga de levar un solda á casa e aceptan pola necesidade traballos con condicións moi precarias”, sinala a responsábel do Gabinete.
López Gromaz incidiu no aumento da precariedade nos últimos anos por mor do modelo económico vixente e que levaron a unha paulatina perda da participación dos asalariados/as na renda. “Na última década incrementouse un 56% o número de asalariados/as, pero a participación no PIB é a mesma que hai dez anos”. Deste incremento de asalariados, un 63% foron mulleres, o que significa que as novas “condicións laborais precarias afectaron e están afectando en maior medida a este colectivo”, apuntou.
Elevadas taxas de temporalidade
Outra das características do mundo laboral feminino que se reflicten no documento refírese a como as mulleres van sufrir en maior medida que os homes o desemprego nos vindeiros meses, por mor da alta temporalidade que se rexistra no traballo feminino. De feito, durante o pasado ano, as mulleres con contrato temporal asinaron de media 2,6 contratos ao ano, e máis do 90% dos mesmos tiveron unha duración inferior aos 6 meses, “o que quere dicir que se non encadean uns contratos con outros quedan fóra das prestacións por desemprego”. Nesto senso, o informe revela que a taxa de temporalidade entre as mulleres acada tal magnitude que mesmo por primeira vez, a temporalidade das que traballan na administración supera ás mulleres que traballan no sector privado.
Xornadas a tempo parcial
A xornada a tempo parcial continúa a ser outra das particularidades do emprego feminino, concretamente, no último ano o emprego neto que se creou foi a tempo parcial. Así, das mulleres traballadores na Galiza na actualidade o 19,2% dispoñen deste tipo de xornada, fronte ao 4,7% dos homes. Non hai que esquecer que este tipo de xornada se utiliza como unha vía para conciliar a economía familiar e laboral, á falta dunha rede de servizos públicos que o permitan.
Por sectores económicos, no 2008 a ocupación das mulleres continuou sendo maioritariamente nalgunha actividade do sector servizos, acadando o 79% da ocupación das mulleres que traballan. En canto as diferenzas de salarios, esta continúa sendo outra das características do emprego feminino, achándose os soldos das mulleres un 25% por debaixo dos homes.
A situación de crise tamén pon en perigo os avances na conciliación, tanto pola redución de fondos públicos destinados a estas políticas como pola prevaleza do emprego sobre a calidade do mesmo, aínda que tamén pode servir, o quedar o home sen traballo, para que a corresponsabilidade no fogar se vaia estendendo.