Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 4/3/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

O TSXG devolve o plus de actividade aos traballadores/as da Vidreira, que adebeda deste xeito 500.000 euros en atrasos salariais

O alto tribunal galego elimina o pronunciamento do Xulgado do Social sobre esta cuestión
O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de invalidar o pronunciamento que o Xulgado do Social número 1 de Ourense realizara sobre o plus de actividade no marco do conflito colectivo presentado sobre a legalidade ou non da xornada imposta pola empresa en xaneiro do 2009. A sentenza do TSXG vén dar a razón aos argumentos manexados pola CIG e os traballadores/as, quen no seu día denunciaron a incrongruencia das consideracións xudiciais sobre uns feitos que se estaban a dirimir no ámbito laboral.

Dende a CIG e o Comité congratuláronse pola resolución do TSXG que devolve o plus de actividade aos traballadores/as, pero tamén lamentaron que a decisión chegase demasiado tarde, cando a empresa está en plano concurso de acredores e o persoal ten optado pola vía xudicial para acadar a extinción dos seus contratos. “E agora quen nos compensa por todo o sufrimento que tivemos que padecer e mesmo polos ataques que soportamos tras denegarse o plus de actividade polo xulgado do Social”, pregúntase o responsábel da CIG de Verín, Anxo García Torres,

“Tiñamos a razón e así nola dá o Tribunal Superior de Xustiza: a sentenza do xulgado do Social non debeu terse pronunciado sobre o plus de actividade. Agora todas as referencias feitas a este respecto polo xuíz ourensá ficaron eliminadas e anuladas. O Plus de actividade volve ser dos traballadores/as e terá que ser a empresa quen demostre que non nos pertence para poder quitárnolo”, afirmou García Torres.

Neste senso, dende a CIG de Verín aclaran que os atrasos pendentes ascenden aproximadamente a 500.000 euros e os salarios dos traballadores/as veñen de incrementarse arredor dun 40%, co que se elevarían as indemnizacións que a empresa tería que pagar no pretendido ERE.

Hai que lembrar que a supresión unilateral do plus de actividade a finais de 2008 foi unha das cuestións que desencadeou a conflitividade laboral na empresa. Dende entón, traballadores/as, Comité e CIG veñen desenvolvendo unha loita continuada na defensa dos seus dereitos que podería ter tomado outro rumbo se o xulgado do Social de Ourense non emitise opinións sobre temas non sometidos á xuízo.

Podes descarregar a sentenza do TSXG no arquivo adxunto a esta nova e botar un ollo á evolución do conflito premendo aquí.

Documentos
SENTENZA PLUS ACTIVIDADE.pdf.pdf
cig.prensa@galizacig.com