Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 4/4/2011
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A Coordinadora do Automóbil da CIG rexeita cunha protesta os plans do sector de baixar salarios e incrementar flexibilidade

Máis de medio cento de persoas concéntranse ás portas de Ceaga en Vigo para esixir a constitución dunha mesa de diálogo
Máis de medio cento de persoas participaron na concentración convocada pola CIG ás portas da sede do Cluster de Empresas da Automoción de Galicia (Ceaga), na Avenida Citrén de Vigo, para rexeitar as declaracións feitas dende a patronal no sentido de precarizar aínda máis as condicións laborais no sector. A Coordinadora da Automoción da central nacionalista amosou con esta protesta a súa oposición aos plans de redución de salarios e incremento da flexibilidade e reclamou ante a dirección do cluster a constitución dunha mesa de diálogo.

A mobilización diante da sede de Ceaga prolongouse por espazo dunha hora, tempo mo que os concentrados/as amosaron unha faixa na que se podía ler “Contra as ameazas da patronal. Emprego e salarios dignos no sector da automoción” Ao remate da protesta, representantes da Coordinadora do Automóbil entregáronlle un escrito á dirección do cluster no que se recollen os posicionamentos da CIG, ao tempo que demandaron a constitución dunha mesa da automoción na que estean presentes todos os axentes implicados.

O responsábel da Coordinadora da Automoción da CIG explicou que as declaracións feitas o pasado mércores polo presidente de Ceaga e polo director de PSA invocando unha redución de salarios e maior flexibilidade no sector “obríganos a unha resposta claramente sindical que non ofreza ningunha dúbida”. Enrique Pérez lembrou que os países con salarios mais baixos, menores garantías de dereitos no traballo e con máis precariedade son os que acusan unha recesión maior e destrúen máis emprego.

“A regra é moi sinxela: a clase traballadora é a principal consumidora e o principal activo económico. Conxelar ou reducir os salarios significa menor renda e menos capacidade de gasto. Por tanto a economía do país queda resentida e o crecemento económico paralízase. Temos que preguntarnos por que estas multinacionais do automóbil non suxiren estas mesmas medidas nos seus países de orixe”, comentou Pérez.

Declaracións ofensivas

Na súa opinión, as declaracións dos dous representantes son “ofensivas e irrespectuosas” coa clase traballadora de Galiza “porque somos nós os que os fixemos crecer e elevar a produtividade e a rendibilidade do sector, o que lles serviu para mostrar Vigo como o exemplo destacado no concerto Europeo”.

Finalmente, incidiu en que resulta lamentábel que estas intencións xa se teñan materializado nalgúns centros de traballo co acordo de UGT, CCOO e SITC, reducindo por convenio os salarios para o persoal de novo ingreso. Isto supón unha discriminación “indecente” que ningunha central sindical de clase pode tolerar. “Agora queren ir máis lonxe, atacar os salarios e os dereitos de todos e todas, e buscan o amparo destes sindicatos. A voracidade destas multinacionais non ten fondo e o resultado será empobrecernos máis para o seu propio beneficio”, rematou.

cig.prensa@galizacig.com