Ás 8 da mañá púxose en marcha a inmensa columna aberta por unha faixa co lema “combativos, produtivos e eficientes”, seguida de dous grandes cadros transportados por manifestantes. No maior deles, Fidel e Raúl pintados sobre a bandeira de Cuba e no segundo, algo menor, o logo da CTC.
A marcha estivo presidida polo Xefe do Estado cubano, Raúl Castro; nun palco preferente, numerosos diplomáticos acreditados n’A Habana e moitos dos participantes na Conferencia do Movemento dos Países Non Aliñados celebrada en Cuba nos últimos días de abril; no espazo inmediatamente inferior, un cento de delegacións sindicais –a CIG entre eles– de máis de 50 países e de movementos sociais solidarios con Cuba chegados dos cinco continentes.
Unha única e breve intervención de Salvador Valdés, Secretario Xeral da CTC, destacando o papel fundamental dos traballadores e das traballadoras na construción e consolidación da revolución cubana, na loita polo socialismo e na defensa da soberanía nacional precedeu ao inicio da marcha. Miles e miles de cartaces de feitura artesanal con referencias ao tema central da xornada –unidade, produtividade, eficiencia-, reclamando a liberdade e retorno a Cuba dos cinco heroes presos nas cárceres norteamericanas, saudando a Fidel e Raúl, renovando a promesa “patria ou morte, venceremos”, ... , daban colorido á multitudinaria marcha. Todos os sindicatos nacionais que compoñen a CTC en grupos compactos e coloridos estiveron presentes na impresionante e multitudinaria manifestación que contou tamén cun numerosísimo grupo de xente nova portando faixas nas que, entre outros lemas, se podía ler “estudo, traballo, fusil”, “xamais terán a Cuba”, “os novos non fallarán”.
Recoñecemento do esforzo
Pola noite, nun austero e solemne acto, un seleccionado grupo de traballadores, traballadoras e colectivos laborais, foron condecorados en recoñecemento do esforzo militante e do exemplo vivo e permanente nos seus centro se traballo. O acto estivo presidido polo Vicepresidente do Goberno, José Ramón Machado, contando tamén coa presenza de membros do Goberno, das institucións cubanas, de altos dirixentes do PCC e da CTC. Un grupo moi restrinxido de organizacións sindicais, a CIG entre elas, participaron no acto en calidade de convidadas.