Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 4/5/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Salvador Valdés, Secretario Xeral da CTC, fixo a primeira intervención presencial da Conferencia.
Medalla conmemorativa recibida pola CIG en recoñecemento ao apoio e solidariedade coa clase traballadora e co Pobo de Cuba.
: A Habana : : CTC : : Cuba : : medalla : : Primeiro de Maio :

A CIG recibe n’A Habana a “Medalla Conmemorativa do 70 aniversario da CTC” en recoñecemento ao seu apoio á causa cuba

En presenza dos máis de 1.500 asistentes ao Encontro Internacional de Solidariedade con Cuba
A central sindical cubana incluíu á CIG no reducidísimo grupo de centrais e líderes sindicais que foron homenaxeadas n’A Habana o sábado 2 de maio no cadro das celebracións do 1º de maio de 2009, ano especialmente significativo no que se conmemora o 70 aniversario da fundación da CTC - Central de Traballadores de Cuba, que coincide tamén co 50 aniversario do trunfo da revolución cubana.
O “Encontro Internacional de Solidariedade con Cuba” contou coa presenza de 1359 persoas en representación de 236 organizacións sindicais, políticas e sociais de todo o mundo.

O solemne acto celebrouse no “Palacio de Convencións da cidade d’A Habana” en presenza dos máis de 1.500 asistentes ao Encontro Internacional de Solidariedade con Cuba rematado minutos antes.

A medalla, entregada por unha soa vez, está destinada a recoñecer e premiar dous grupos de destinatarios. Dentro de Cuba, aos traballadores e traballadoras que se teñan distinguido polo seu traballo sindical nas áreas da produción, servizos, cultura, artes e investigación; no estranxeiro, ás centrais sindicais e lideranzas individuais que se teñan distinguido pola solidariedade e apoio permanente aos traballadores e aos sindicatos cubanos.

Solidariedade con Cuba

O día comezou coa realización do Encontro Internacional de Solidariedade con Cuba. Na presidencia do evento os membros profesionais do Secretariado Nacional da CTC, os responsábeis da área internacional do Partido Comunista de Cuba e da Asemblea Nacional do Poder Popular. Catro centrais sindicais, unha por continente, e o Secretario Xeral da FSM completaron a Mesa Presidencial.

Unhas frases de Raúl Castro recollidas en vídeo, recoñecendo o papel dos sindicatos, abriron o encontro. Interveu logo o Secretario Xeral da CTC, Salvador Valdés, quen se referiu ás dificultades aínda non totalmente superadas derivadas dos tres furacáns consecutivos que produciron inxentes danos materiais no 2008; mencionou o bloqueo económico e comercial imposto por Estados Unidos lamentando que o Presidente Obama non dea mostras de proceder a retiralo; subliñou a nova era que se abre en Latinoamérica coa paulatina chegada ao Goberno de forzas progresistas e a extensión do ALBA; lembrou as conquistas da revolución cubana e as achegas solidarias en saúde, educación e deporte que está a desenvolver en 83 países.

Por último, Valdés insistiu no respecto mutuo nas relacións internacionais sindicais, principio que leva á CTC a manter relacións estábeis con 1336 organización sindicais de todo o mundo.

Durante as tres horas seguintes sucedéronse arredor de 40 intervencións -unha delas por parte da CIG– reiterando a solidariedade con Cuba e destacando os logros da revolución cubana.

Relevancia política

Especial relevancia política ten a presenza activa –integrando a mesa presidencial do Encontro e dirixíndose aos asistentes cunha intervención de nidio contido político– do Presidente da TUC, central sindical británica. Estamos a falar dunha central sindical membro do núcleo central da CSI -Confederación Sindical Internacional cuxa presenza sobarda o mero aspecto bilateral cubano-británico.

Cara ao final do Encontro, a intervención da nai dun dos cinco prisioneiros cubanos en cárceres norteamericanas elevou de maneira significativa a tensión emocional, algo que tamén conseguiron as intervencións de estudantes de Chile, Perú ou Palestina que cursan estudos universitarios en Cuba.

O canto da internacional, coreado nun sen número de linguas diferentes, puxo punto final ao acto.

cig.prensa@galizacig.com