Por volta das dez menos cuarto da mañá as portas do Xulgado do Penal de Ferrol foron testemuñas dunha concentración de afiliados/as e delegados/as da CIG, que se trasladaron até o lugar para amosar o seu apoio ao secretario comarcal da CIG de Ferrol, que ía ser xulgado por un suposto delicto de atentado á autoridade e outro de lesións. Baixo o lema “xulgan sindicalistas medran os escravistas”, unhas cen persoas achegáronse até a rúa de A Coruña para trasladarlle mostras de solidariedade e afecto a López Pintos, quen minutos despois acudiu a declarar ante o xuíz.
Pintos enfróntase a unha petición de condena de cinco anos e tres meses de prisión, 20 fins de semana de arresto e unha multa de 10 meses a razón de 30 euros o día, que realizaba no 2002 a Xunta de Galiza, demanda de pena máis dura que a da Fiscalía, que solicita dous anos e medio de prisión.
Intervención para evitar unha agresión a unha mariscadora
O responsábel da CIG de Ferrol reiterou a súa inocencia e negou en todo momento ter sido o autor da suposta agresión cunha pedra a un axente que tomaba parte nunha brutal carga policial na praia da Barca, en Mugardos, o 18 de setembro de 2001. Pintos relatou como chegou á zona acompañando ao colectivo de mariscadoras coa intención de denunciar a actividade extractiva que estaba levando a cabo outro grupo de traballadoras, no marco dun conflito laboral previo.
O secretario da CIG de Ferrol insistiu en que os primeiros en actuar de xeito violento foron os axentes e que só intercedeu para evitar que golpeasen a unha das mulleres. “Cando vin a un policía que estaba agredindo a unha mariscadora entón foi cando eu intercedín”, reiterando que en ningún momento colleu ningunha pedra, senón que foi o propio Pintos o que recibiu golpes por parte dos axentes. A este respecto lembrou que a zona onde se produciron os feitos é unha zona de lodos onde non hai pedras.
López Pintos describiu como caeu no medio do altercado e foi agredido por varios dos axentes presentes estando tirado no chan, así como por mor dos golpes recibidos (cos porras e patadas) tivo que ser trasladado até o hospital. O secretario comarcal tamén quixo denunciar a falla de atención por parte dos policías, xa que tivo que permanecer tirado na area unha media hora, até que entre un compañeiro doutro sindicato e as propias mariscadoras o axudaron a trasladar.
A defensa e a acusación particular contra os policías insistiron na cuestión de que as mariscadoras e o propio Pintos non levaban aparellos que puidesen pór en perigo a súa seguridade física, en que na praia na que aconteceron estes sucesos só hai lodos, na idade das mulleres (entre os 50 e os 60 anos) así como en que máis de 20 delas remataron en urxencias con lesións de diversa consideración.
Testemuñas e acusados
Pola súa banda, os cinco policías que acudiron a declarar como testemuñas, entre os que se atopa o axente supostamente agredido e o subinspector do grupo policial, incorreron en numerosas contradicións e inexactitudes á hora de relatar os feitos. Para uns as mariscadoras estaban na praia no momento da carga mentres que para outros xa estaban fóra, uns axentes aseguraron que o responsábel do grupo marcou cun pitido o inicio da carga ou, curiosamente, mentres para uns Pintos tirou a un policía, para outros ese policía foi o que reduciu ao secretario da CIG-Ferrol, etc.
Os policías á súa vez acudiron en cualidade de acusados, ao presentar as mariscadoras acusación particular contra deles. Unhas corenta traballadoras tamén terán que prestar declaración como testemuñas ao longo do proceso, que continuará o xoves 7 e os vindeiros 14 e 18 de maio.
Tentativa de negociación
Antes de iniciarse o xuízo, a acusación presentou unha proposta a Pintos de aceptar de seis a oito meses de condena se asumía a comisión do delicto, evitando así ser xulgado. Non obstante, o responsábel sindical negouse a aceptar a proposta, pois “suporía asumir que cometín un delicto; pero eu non cometín ningún delicto e polo tanto non o podo asumir, prefiro agardar á sentenza”. Neste senso, López Pintos sinalou que se os feitos se repetisen “volvería actuar do mesmo xeito”
Primeira valoración
“Os policías son os que me acusan a min e son acusados a súa vez por 40 mariscadoras. Estanse contradicindo moitísimo e non están dicindo a verdade, só fan o seu papel”, apuntaba Pintos nun receso da vista. Para o secretario comarcal a acusación particular presentada pola Xunta responde a unha cuestión de “vinganza persoal contra min” por parte dos responsábeis políticos naquel momento, e que, a pesar do tempo “continúa vixente ese acoso”, tanto á súa persoa como ao sindicalismo que representa.
“Un día policía di que eu lanzaba a outros policías pola aire, outros que tiña debaixo de min aos axentes , outro dixo que el estaba enriba miña para reducirme,... Foi un tema que pasou así e se volvese a suceder actuaría da mesma maneira contra esa inxustiza: que a patroa maior, apoiada pola Xunta e cun apoio minoritario na Confraría, desoíse as peticións do 80% das socias”, explicou.
“Do que si existen probas reais con imaxes e informes forense é conforme máis de 20 mulleres levaron golpes, incluso algunhas golpes graves. Por parte da policía achican balóns fóra, querendo facerme culpábel de todo, asegurando que eu era o instigador, cando a miña función, como representante sindical era dialogar cos responsábeis da Xunta con vistas a buscar un acordo”, aseverou.
De feito, o mesmo día da brutal carga policial aprobárase realizar unha reunión na Consellaría para buscar unha solución ao conflito, “cousa que pasou de alí a poucos días co cesamento do que era conselleiro de Pesca”, indica Pintos.
Un conflito con repercusións políticas
Os sucesos agora xulgados arrincan no verán de 2001, cando 90 dos 100 socios e socias da Confraría de Mugardos reclaman á patroa maior, Oliva Bonome, que xa tiña os 65 anos, celebrar eleccións para elixir unha nova dirección, proposta á que Bonome se negou a acceder mesmo ameazando aos voceiros/as dos afectados/as que solicitaban reunirse con ela.
Pintos, que no 2001 era responsábel de acción sindical, lembra que foi entón cando as/os afectadas/os se dirixiron aos sindicatos CIG, CCOO e Agamar (da que era secretaria xeral a anterior conselleira de Pesca, Carmen Gallego) na procura de apoio, iniciándose un peche no pósito que durou tres meses e once días, e toda unha serie de mobilizacións contra a actitude da patroa maior. O conflito agravouse no mes de setembro, cando Pesca, a instancias de Bonome e na contra da postura do 90% dos socios/as da confraría, decidiu abrir os bancos marisqueiros mentres as mariscadoras permanecían pechadas no pósito.
As mobilizacións trasladáronse entón a pé de praia, onde as traballadoras apoiadas por López Pintos, tentaban convencer ás 10 mariscadoras partidarias da patroa de que cesasen a súa actividade. O 18 de setembro, esta ducia de traballadoras acudiu a mariscar escoltada por 20 policías autonómicos. Logo dunha disputa verbal, uns axentes agrediron a dúas mulleres, acción que deu comezo a unha batalla campal na que resultaron feridas de distinta consideración 25 mariscadores e o propio López Pintos, quen foi detido no servizo de urxencias e trasladado á comisaría dende o hospital.
O secretario comarcal da CIG Ferrol pasou aquela noite nas dependencias policiais, saíndo libre sen cargos ao día seguinte. Os problemas comezaron logo da denuncia dun dos policías, quen asegurou que fora agredido cunha pedra por López Pintos e recibira, supostamente, varias patadas estando no chan, polo que tivo que permanecer de baixa 16 días.