Centos de traballadores/as da refinaría de Repsol en A Coruña acudiron esta mañá á explanada de acceso ao complexo industrial para amosar o seu apoio ás vítimas do accidente na planta de coque, que vén de custar a vida a un dos operarios, mentres que outro permanece ingresado no hospital en estado grave.
A concentración coincide coa entrega do informe elaborado polos delegados de prevención sobre as causas do accidente, aínda que polo momento o Comité resérvase facer públicas as conclusións até que a Inspección de Traballo tome unha decisión. Así o explicou o Secretario do Comité, Alberto Ferreiro, quen aclarou que os traballadores/as descoñecen como avanza a investigación interna que a empresa está a realizar.
A respecto da posta en marcha da planta na que se produciu o accidente, Ferreiro subliñou que espera que Repsol non reabra esta área até ter unhas conclusións claras de cales foron as causas do accidente e cales son as medidas preventivas que hai que tomar, xa que “actuar doutro xeito suporía un risco moi grave”.
Petición de dimisión da dirección
Durante a concentración, o Comité reiterou as críticas e á dirección de Repsol, á que acusan de deteriorar nos últimos tres anos as relacións laborais na empresa. “Levamos tres anos sen relacións laborais, cunha dirección que está actuando dun xeito co que non estamos de acordo, e que mentiu á administración e á prensa, tratando de botar enriba dos traballadores/as a culpa por cousas que non entendemos”, apuntou Alberto Ferreiro.
Neste senso, Ferreiro sinalou que o accidente do pasado 15 de abril foi “a gota que colmou o vaso das actuacións destes tres últimos anos” e volveu trasladar a petición de dimisión da dirección polo sinistro que custou a vida a un operario e por non saber xestionar a comisión de investigación do accidente.