O convenio colectivo do sector de comercio téxtil da provincia de Pontevedra leva paralizado desde hai un ano e cinco meses sen que, até o mércores día 28 de abril se constituíra a mesa negociadora con 7 representantes de CCOO, 5 da CIG e 3 da UGT.
Porén, nesa primeira xuntanza só compareceu un representante da patronal porque a cadea Inditex, a máis afectada polo convenio por ter o maior número de traballadoras/es, négase a participar nas negociacións e o resto da patronal fai caso omiso da mesma.
Por iso, o venres 31 de abril se convocou unha primeira concentración e manifestación e, dado o éxito da convocatoria, os delegados e delegadas volverán a concentrarse novamente o próximo venres día 7 de maio, para partir logo en manifestación polo centro de Vigo, parando diante dos estabelecementos afectados polo convenio.
Incremento salarial, conciliación e diminución da contratación a tempo parcial
No convenio que aínda segue vixente as dependentas e dependentes, categoría á que pertencen a maioría das traballadoras/es do sector, teñen uns salarios de 834 €. A parte social demanda que en 2 anos se chegue aos 1.000 € e que se proceda a un incremento salarial lineal para o resto das categorías.
Ademais, como se trata dun sector moi feminizado, preténdense introducir melloras que favorezan a conciliación e que no momento no que haxa unha contratación a tempo completo se priorice ás traballadoras/es que están con contratos a tempo parcial, que son a maioría.