Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 4/5/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Mobilización na sede de Geriatros en Vigo para esixir o desbloqueo do convenio e pola readmisión dos delegados despedidos

A patronal négase a incluír no texto galego a cláusula de equiparación coas condicións máis beneficiosas do convenio estatal

Traballadores/as e delegados/as do sector das Residencias privadas da Terceira Idade desenvolveron un acto de protesta, na mañá deste martes, na sede da empresa Geriatros en Vigo, en demanda da readmisión de dous delegados despedidos nas residencias de Laraxe e Vilanova e contra o bloqueo da negociación do convenio colectivo.

As mobilizacións a prol dun convenio digno para os traballadores e traballadoras das residencias privadas da terceira idade retomábanse esta mañá na sede de Geriatros de Vigo. Ás portas do edificio, situado na rúa García Barbón, persoal e delegados/as sindicais desenvolveron unha ruidosa concentración durante unha hora para reclamar á patronal que desbloquee as negociacións e asuma as reivindicacións da parte social.

O lugar elixido para a protesta non foi casual, xa que obedecía tamén á finalidade de denunciar á política de represión que esta empresa en concreto está a pór en práctica cos seus traballadores/as e reclamar á readmisión dunha delegada da CIG no Comité de Geriatros en Laraxe e dun delegado de CCOO no centro de Vilanova de Arousa, aos que a empresa despediu como medida exemplarizante para os seus compañeiros/as e nun burdo intento de evitar lexítimas reivindicacións para o sector.

CIG-Servizos e CCOO xa anunciaron a presentación dun conflito colectivo para desatascar a negociación do convenio autonómico de residencias privadas da terceira idade, pois a patronal segue mantendo unha postura inflexíbel e teima en eliminar do texto galego a cláusula de equiparación coas condicións máis beneficiosas do estatal.

De feito, na mediación do AGA do 20 de abril cumpríronse as peores expectativas e a patronal non aceptou ningunha das propostas da CIG-Servizos e CCOO É máis, só está disposta a negociar sobre a súa plataforma e non admite modificación algunha que supoña máis que un pequeno retoque.

Dende a CIG e CCOO adiantou que as mobilizacións continuarán nos vindeiros días.

cig.prensa@galizacig.com