Pouco máis de unha hora lles levou aos miles de estudantes que este venres se trasladaron dende os colexios e institutos da contorna até a cidade da Coruña, percorrer a distancia que separa Riazor da Torre de Hércules. Alí, ao pé do faro romano e a estatua de Breogán, a actriz Iria Sobrado foi a encargada de conducir o acto festivo que puxo remate a carreira pola lingua e no que houbo tempo para ler o manifesto gañador do concurso (que nesta edición gañou o alumnado de 4º da ESO do CPI de Pontecesures), cantar unha versión particular da canción “Se eu te pego” e bailar ao son do grupo “Nugalla”.
Correlingua é a denominación que adoptaron de maneira común as diversas carreiras en prol do idioma que se convocan no país, e é unha proposta de carácter lúdico-educativo que pretende convidar á mocidade e aos centros de ensino a participaren nun acto público de reivindicación do dereito a medrar en galego e tamén a exercer de maneira efectiva como galegos e galegas a través do uso do noso idioma, única forma de garantir o seu futuro.
O Correlingua, que xa vai pola súa decimo terceira edición, alcanzou ao longo destes anos unha alta participación dos centros de ensino e do alumnado, través das diferentes actividades que se propoñen ao longo do curso (concurso de Banda Deseñada, Manifesto, vídeo …), e a través da implicación directa en todas as actividades que rodean as festas finais do Correlingua.
A actividade lúdico-educativa está organizado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega, A Confederación Intersindical Galega–Ensino e a Mesa pola Normalización lingüística, xunto cos Concellos de Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo. Cómpre subliñar que na edición 2012, por primeira vez, o Concello da Coruña denegou a colaboración que dende o inicio do Correlingua viña prestando ás entidades organizadoras.
As carreiras pola lingua percorrerán un total de 12 vilas e cidades galegas até o vindeiro 16 de maio.
Manifesto 2012 - 4º ESO. CPI de Pontecesures
Buscamos, buscamos, buscamos cousas que nos traian a felicidade: coches, pisos, prazas de garaxe, negocios... enchen os anuncios por palabras dos xornais.
Pero nós buscamos persoas que estean orgullosas do idioma da súa terra, que non teñan medo a falalo. Buscamos que as fronteiras de Galiza as poña o galego. Preferimos unha persoa do Bierzo que fale o idioma a unha de aquí que non o fale. Non se é máis galego por vivir na Coruña se logo se fala o idioma de Castela. Deixade de presumir de algo que nin vós respectades. Todos vós, os que subides fotos reivindicativas ao tuenti, nin vos decatastes cando pechou Galicia Hoxe. Ser galego non é ler La Voz de Galicia nin ver a TVG. Ser galego significa que buscaches e atopaches a túa identidade. Galiza non é representada por unha catedral, unha muralla ou torre. A Galiza represéntaa un idioma co que escribiron ensaios, poemas, artigos e ata incluso anuncios por palabras. Desexamos abrir un día o xornal e atopar anuncios coma estes:
SERVIZOS
A mellor vidente de tarot de Galiza.Máis de doce séculos de experiencia. Especialista en: fonética, morfoloxía e léxico. Visítanos en R/ Percebe, nº 24.
COMPARTO PISO
Búscase univeritario/a que se queira aloxar nun piso de galego-falantes. Aviso: somos de moitas partes de Galiza e falamos diariamente galego.
FINANZAS
Arréndase idioma. Prezo razoable e negociable, usable en todas as formas e ámbitos. Con garantía ilimitada.
Precisas un idioma? Nós temos o que buscas. Está en boas condicións, sinxelo de adquirir e comprender en toda a nación. Resposta en 24 horas.
OCIO
Divírtete co galego provocador do manifesto “Máis Alá”. Mergúllate nun mar de gozo.
SEGUNDA MAN
Véndese equipo de música Vacaloura, perfecto para escoitar Heredeiros da Crus, moi ben coidado. Prezo razoable dependendo do galego que saibas falar.
DETECTIVES
Perdinme. Búscame. Chámome galego. Encóntrame, fálame e gózame.
POLO TANTO,
Entra en Jujel, vaite a PISOS VENDA, merca Galiza.
Vaite a PISOS ALUGUER, aluga Galiza.
Vaite a NEGOCIOS, negocia Galiza.
Vaite a MOTOR, compra un Galicoche.
Vaite a OCIO, goza Galiza.
Vaite a NÁUTICA, padexa Galiza.
Vaite a Galiza, adora galego
Adórate, adóranos.
Se feliz: GALEGO, TODO O QUE BUSCAS