Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 4/5/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Extraballadores/as da Torre de Hércules expoñen a situación “real” do faro romano ao consultor da Unesco, Paul Simons

O membro do Icomos transmitiulles a súa solidariedade e indicou que estudará a carta que o persoal remitiu hai unhas semanas á Unesco
Un grupo de extraballadores e traballadoras da Torre de Hércules expuxeron este venres, nun encontro informal, o conflito “real” que existe no faro romano a Paul Simons, membro do Comité Británico de Icomos –organismo consultor da Unesco-, que estes días visita a Coruña no marco da elaboración do novo Plan Director da Torre de Hércules.

Un dos ex traballadores, Óscar López, foi o encargado de explicar a Simons a situación laboral e técnica da Torre: as supostas obras previstas polo Concello no faro, os despedimentos, a negativa a recoñecer o dereito á subrogación, a xudicialización do conflito, as mobilizacións contra o peche do monumento Patrimonio da Humanidade, etc.

O experto británico, apuntan os traballadores/as, dixo que o Concello tiña informado da rescisión do contrato coa empresa que mantiña a concesión dos servizos da Torre, pero amosouse sorprendido pola existencia de demandas xudiciais por cuestións laborais e a existencia dun concurso de prazas temporais para os servizos do faro romano. Por iso, aínda que Simons lles dixo que, antes de pronunciarse de xeito oficial agardará a coñecer o contido das sentenzas, trasladou aos afectados/as a súa solidariedade e apoio.

López tamén lle expuxo a problemática que pode xurdir se as sentenzas resulten favorábeis aos ex empregados/as, porque  nese caso habería máis persoal do necesario e o Concello tería que despedir ás persoas contratadas a través do concurso temporal.

Así mesmo,  o membro do ICOMOS asegurou que ía estudar a carta que os traballadores/as remitiron á Unesco solicitando cita co director, Kishore Rao, para abordar, na súa totalidade, a problemática que rodea ao emblemático monumento. 

cig.prensa@galizacig.com