Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 4/6/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A folga na sanidade privada coruñesa é seguida polo 85 % do persoal

A CIG e os traballadores denuncian a imposición de servizos mínimos abusivos
Os traballadores e traballadoras da sanidade privada – concertada da provincia de A Coruña secundaron maioritariamente o 4 de xuño a primeira das xornadas de folga no sector. A cifra de seguimento do paro atinxiu o 85 %. Mentres, a CIG e os empregados denuncian que os servizos mínimos marcados pola Administración foron abusivos.

Por exemplo, nalgúns centros hospitalarios, o número de enfermeiros/as incluídos nos servizos mínimos durante a quenda de tarde superou o que habitualmente traballa nesta franxa horaria. Esta situación evidencia a irracionalidade dos servizos mínimos decretados.

A negociación segue paralizada

A ruptura por parte da patronal das negociacións do convenio colectivo provincial da sanidade privada-concertada de A Coruña obrigou os traballadores a retomar as mobilizacións. Ao longo do mes de maio protagonizaron concentracións e peches polos principais centros médicos privados da provincia e convocaron folgas de 24 horas para o 4 de xuño e para o día 11 do mesmo mes.

Os traballadores e os sindicatos presentes na mesa de negociación, CIG e UGT, consideran unha provocación as últimas propostas da patronal, que pasan por incorporar ao novo convenio un código disciplinario, ademais de impor unha modificación substancial da xornada, que obrigaría a realizar até 48 horas á semana.

Denuncian que a carga de traballo é tal que por cada tres enfermeiras que atenden na pública, na sanidade privada-concertada atende unha. Ademais, o persoal vese na obriga de traballar entre 203 e 340 horas máis que os compañeiros e compañeiras da pública e os salarios son tan baixos que, en non poucos casos, teñen que traballar tanto no sector público como no privado para acadar unhas condicións salariais dignas.

Un empregado/a da limpeza percibe actualmente uns 580 euros ao mes, un auxiliar 737 e un enfermeiro/a, 879. Estes salarios contrastan cos dos médicos que exercen a súa profesión nestes centros privados, cuxas nóminas poden chegar aos 6.000 euros mensuais nalgúns casos. Ademais, a maioría destes médicos tamén traballa no SERGAS, explican os empregados.

cig.prensa@galizacig.com