A caravana, composta por uns 200 vehículos, partiu sobre ás 11:30 horas dende Guitiriz cara á capital lucense, colapsando ao seu paso a estrada que une ambos concellos, a N-VI. De camiño, os automóbiles “deron unhas voltas” pola localidade de Parga e remataron o percorrido logo das dúas da tarde e tras recorrer varias veces as vías que rodean á muralla romana de Lugo.
A protesta coincide co paro de cinco horas (de 11:00 a 16:00 horas) convocado en Ingemarga en contra do ERE presentado pola empresa, e que suporá o despedimento de 64 dos 157 traballadores/as, e que foi secundado pola práctica totalidade do cadro de persoal.
Chantaxe por parte da empresa
Antonio Niño, responsábel de Construción na CIG de Lugo, lamentou a actitude de “chantaxe” amosada pola empresa, logo de que na reunión do mércores 3 de xuño pretendese condicionar o proceso de negociación do ERE á desconvocatoria das mobilizacións. “A dirección asegurounos que tiñamos que desconvocar o paro de cinco horas para poder continuar na mesa, pero esa era unha decisión da asemblea de traballadores/as e negámonos a aceptar a chantaxe”, apuntou Niño. Tras a resposta dos representantes do persoal, a empresa paralizou a negociación.
Pero non foi a única negativa que atoparon por parte da dirección, pois esta tamén se abstivo de entregar a documentación solicitada polo Comité, entre ela a relación de traballadores/as afectados/as polo ERE, asegurando que a van presentar este venres.
Novas mobilizacións
O persoal de Ingemarga vai continuar coas protestas en contra do ERE e xa ten convocada unha manifestación en Guitiriz o vindeiro sábado 13 de xuño. Igualmente, a próxima semana volverase propoñer un calendario de mobilizacións.