Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 4/6/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG rexeitará, na mesa xeral da función pública, as medidas para reducir o déficit que Feijoo pretende aplicar en Galiza

“Se o PP galego fora coherente co que votaron no Congreso aquí non as aplicaría”
A área pública da CIG ven de facer público o seu rexeitamento á aplicación en Galiza das medidas, aprobadas pola mínima no Congreso, para reducir o déficit. As federacións de Administración, Saúde e Ensino aseguran que o goberno galego tiña capacidade para minimizar o seu impacto e indo máis alá, mesmo denuncian que “se foran coherentes co que votaron no Congreso, aquí non as aplicarían”. A CIG trasladará esta posición á Mesa Xeral da Función pública, convocada para o vindeiro luns ás 13:30 e agarda que se teñan en conta as súas demandas. “Estaba nas mans de Feijóo facer recortes que non foran tan lesivos para as retribucións dos empregados/as públicos/as  en Galiza, pero preferiu traspor directamente o decreto aprobado no Congreso”, explica María Carme López Santamariña, secretaria nacional da CIG-Administración.

Lonxe diso anúnciase a aplicación íntegra do decreto cunha redución salarial do 5% para funcionarios e persoal laboral e que tamén estarán afectados os empregados e empregadas públicos dos entes dependentes da administración. López Santamariña cualifica de “covarde” a actitude de Núñez Feijóo, por ampararse no decreto estatal para dicir que teñen que aplicalo, cando a Xunta de Galiza tería capacidade, se quixera, para minimizar o seu impacto

Para as federación da área pública da CIG esta decisión é inadmisíbel, toda vez que desde a Xunta se poderían facer recortes en moitas materias antes que facer pagar a crise e o déficit aos empregados/as públicos/as. A secretaria nacional de CIG-Administración comeza pola anulación do Plus dos Altos Cargos e segue coa redución dos múltiples gabinetes e asesores ou a redución destas figuras que teñen neste momento tamén os superdelegados.

Desde a área pública da CIG tamén se propón reducir os gastos en publicidade institucional, nomeadamente no millón de euros que se vai destinar a vender o decreto de plurilingüismo; o parque móbil  ou as enormes cantidades que se embolsan os representantes da administración por aparecer na infinidade de Consellos de Administración nos que participan.

Diante desta situación, a CIG fai un chamamento a participar na folga convocada en toda a área pública para o vindeiro día 8 de xuño, porque do seu éxito depende que se poida frear a imposición destas medidas e evitar que se introduzan outras aínda máis lesivas, non só para a función pública senón mesmo para o conxunto da clase traballadora.

Manifestacións convocadas para o 8 de xuño

A CIG ten convocadas para o día 8 de xuño, coincidindo coa folga no sector público, manifestación simultáneas en todas as comarcas.

Santiago. Saída da Praza do Toural ás 11:30 horas.

A Coruña. Saída da Praza da Palloza, ás 11:30 horas.

Ferrol. Saída de Eduardo Pondal, 41-43, ás 12:00 horas.

Pontevedra. Saída da Praza da Ferrería, ás 11:30 horas.

Lugo. Saída da Ronda da Muralla, 58, ás 12:00 horas.

Ourense. Saída da Praza Maior, ás 11:30 horas

Vigo. Saída da Doblada, ás 11:30 horas.

cig.prensa@galizacig.com